Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

EscudoConcelloo

Valga, 16 de novembro de 2024.

Ningún terreo pode ser motivo para que valgueses e exvalgueses se enfronten.

A propiedade que o Concello de Valga mantén en Pontecesures non debe ser entendida nin valorada como unha cuestión económica, senón que é unha cuestión de MEMORIA e de historia.

Cinco valgueses aínda poden dar fé da separación traumática que se produciu fai case 100 anos entre os concellos de Valga e Pontecesures. Así foi decidido naquel entón e os veciños non puideron máis que acatar a decisión, sen importar o que pensaran nin os sentimentos.

Naquel momento, os valgueses fixeron extraordinarios esforzos para que Pontecesures fora a única zona urbana de Valga. Alí estaba a estación do ferrocarril, o punto de cobro de impostos, o porto, o médico... mentres o resto do municipio, todo rural, non tiña ningún tipo de servizos. Por iso foi necesario durante estes cases 100 anos realizar un sobreesforzo de xestión, dedicación e traballo para chegar a dispoñer deles. E, aínda así, o Concello de Valga sempre cedeu desinteresadamente o uso da súa propiedade para a realización de actividades por parte do Concello, comisións de festas e outras entidades, e permitiu o uso deste terreo como aparcadoiro gratuíto.

Non se pode entender que alguén, co a única intención de celebrar un centenario, trate agora de facer seu un terreo que para todos é parte dunha historia e que debería ser sempre motivo de unión entre pobos e veciños e non ser utilizado á lixeira para intentar propiciar o enfrontamento.

Despois de case cen anos, quérese tomar unha decisión pasando por enriba da historia, da memoria e do que os veciños pensan e senten. Non son formas de proceder. Mentres en Europa se traballa a prol da unión, aquí algúns prefiren propiciar a separación e volver á división de anos atrás.

En Valga coñecemos de preto un exemplo de unión que deberiamos tomar como referencia: a relación entre as nosas localidades irmás de Valga de Estonia e Valka de Letonia. Foron separadas no seu día pola ditadura, pero estas dúas Valgas nunca aceptaron esa imposición e sempre avogaron pola concordia e unión, organizando todo tipo de actividades conxuntamente baixo o lema “Dous países, unha cidade”.

Volver