- José Manuel Otero “Camaño”, Alberto Otero e Juan Jesús Santalla estiveron acompañados no acto polo alcalde
- Alfonso Rueda destacou a “solidariedade e eficacia” que demostraron
Valga, 15 de novembro de 2024.
José Manuel Otero “Camaño”, Alberto Otero e Juan Jesús Santalla, membros da agrupación de Protección Civil de Valga que durante unha semana estiveron na Comunidade Valenciana colaborando nas tarefas de limpeza e axuda ás vítimas da DANA, participaron esta mañá no acto organizado pola Xunta de Galicia para agradecer o labor dos máis de 300 efectivos galegos desprazados ao Levante. O presidente do goberno autonómico, Alfonso Rueda, púxoos como exemplo da solidariedade e o alto nivel dos profesionais cos que conta Galicia. “Estamos orgullosos de vós, de como se fixo o traballo. Demostrastes que temos uns servizos de emerxencias magníficos”, indicou.
Os integrantes do servizo de emerxencias valgués estiveron acompañados polo alcalde, José María Bello Maneiro, neste acto de recoñecemento, no que se destacou a “solidariedade e eficacia” que amosaron nas localidades onde foron requiridos como Paiporta, Picanya, Massanassa e Alfafar para participar en tarefas de busca de vítimas, achique de auga en baixos e sotos, retirada de vehículos, cepillado de rúas e eliminación de barro e escombros, entre outras accións para a recuperación das zonas afectadas.
Rueda quixo facer unha mención especial a todos os profesionais e voluntarios que colaboraron nesta resposta de emerxencia: 82 membros e voluntarios de Protección Civil; os 116 bombeiros municipais e dos consorcios provinciais, xunto cos de Navantia; os 80 efectivos de Medio Rural; preto dunha vintena de integrantes dos GES (Grupos de Emerxencia Supramunicipal); así como aos membros da Policía Autonómica, persoal do Grupo de Apoio Loxístico e Intervención (GALI) e de emerxencias, e os de Casaga (Cans de Salvamento de Galicia) e da Asociación de Intervención, Axuda e Emerxencias (IAE). Así mesmo, tamén agradeceu á tripulación do helicóptero Pesca 1 que viaxou ao día seguinte da catástrofe para axudar á busca de desaparecidos desde o aire.