Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alcalde recibiuna este mediodía na Casa Consistorial, onde asinou no Libro de Ouro

- Esta tarde terá lugar no Auditorio o acto de inauguración do congreso

BegoñaVila1

Valga, 14 de novembro de 2024.

Arredor de 200 profesores de ciencias –principalmente de Educación Secundaria, pero tamén algúns de Primaria e universitarios– danse cita dende hoxe e ata o sábado en Valga para participar no Congreso da Asociación de ensinantes de Ciencias de Galicia (Enciga), un colectivo de profesores que ten como obxectivo mellorar a calidade do ensino nas áreas matemático-científico-tecnolóxicas, principalmente nos niveis educativos non universitarios.

Esta asociación agrupa a ensinantes de toda a comunidade e o seu congreso ten un obxectivo científico e formativo: impulsar e dinamizar os traballos de investigación educativa e o intercambio de información entre os participantes. Pero, ademais, persegue tamén un fin social: o achegamento entre o profesorado para intercambiar e compartir experiencias sobre a didáctica das materias de ciencias.

Desenvolveranse, en total, trece obradoiros e vinte e seis comunicacións nas aulas do IES de Valga e, ademais, catro conferencias no Auditorio Municipal. A primeira, esta tarde, titulada “A exploración espacial: ensinándonos o Universo”, a cargo de Begoña Vila Costas. A astrofísica e enxeñeira principal de sistemas no Centro Espacial Goddard da NASA foi recibida este mediodía no Concello polo alcalde, José María Bello Maneiro, e a segunda tenente de alcalde, Carmen Gómez. Asinou no Libro de Ouro do Concello e recibiu, entre outros agasallos institucionais, un mapa do territorio municipal.

Estivo acompañada na visita polo director e a vicedirectora do IES, Eliseu Mera e Ana Bueno, e conversou co alcalde sobre a realidade dos pequenos concellos rurais. Regaloulle a Bello Maneiro unha insignia coa forma do telescopio espacial James Webb, posto que ela é a encargada de dous dos instrumentos deste observatorio espacial, un deles o Instrumento de Guía responsable da súa orientación e estabilidade. Foi, ademais, a directora encargada da proba fría final de todos os instrumentos antes da súa integración co telescopio e encargouse de retransmitir ao mundo en castelán o seu lanzamento no Nadal de 2021. Agora está a traballar como enxeñeira de sistemas no Telescopio Espacial Nacy Grace Roman, con dez veces máis capacidade que o Jabes Webb e cuxa posta en órbita está prevista para 2027.

Begoña Vila (Vigo, 1963) está especializada no estudo de galaxias espirais. Ten recibido múltiples recoñecementos pola súa carreira, incluíndo as medallas da NASA para o Logro Público Exceptional (NASA Exceptional Public Achievement Medal) en 2016, e  para o Servizo Público Exceptional (NASA Exceptional Public Service Medal) en 2022. Tamén foi galardoada co Premio Wonenburger da Xunta de Galicia en 2017 e co Premio Galego do Ano en 2019 e foi seleccionada no “Top 10” de mulleres líderes españolas no exterior en 2021. Apareceu na Lista Forbes das 100 Mulleres máis Influentes en España en 2022 e 2023 e foi nomeada Embaixadora Honorífica da Marca España en Ciencia e Innovación en 2022.

A súa conferencia en Valga terá lugar ás 20:00 horas desta tarde no Auditorio, unha vez rematado o acto de inauguración, no que participarán o alcalde, José María Bello Maneiro, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta, Judith Fernández Novoa, acompañados por representantes de Enciga e do IES de Valga.

Ademais de Begoña Vila, tamén participarán como conferenciantes no congreso de Enciga o físico Xabier Cid Vidal (“CERN: 70 anos de historia e ciencia”); a enxeñeira, doutora e Informática e graduada en Matemáticas Susana Ladra (“Revolucionando a aula: como a intelixencia artificial transforma a educación”); e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira (“Rosalía, a ciencia e a modernidade”).

Os participantes terán a oportunidade coñecer Valga, os seus recursos naturais e patrimoniais e a súa actividade industrial a través de varias actividades paralelas ao congreso. Visitarán o Museo da Historia, as fervenzas e outros enclaves naturais, o xacemento Igrexa Vella e algunhas das principais industrias do municipio. Tamén asistirán a unha demostración do destilado tradicional da caña e percorrerán a ruta Mar de Santiago.

BegoñaVila2 BegoñaVila3

Volver