Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- “É imposible asimilar o que vivimos. Foi peor o estrés psicolóxico que o físico”, explicaron á súa chegada a Valga

- Os traballos que desempeñaron na zona afectada pola DANA centráronse en achicar auga, retirar barro e enseres e realizar medicións de gases

PCDana1

Valga, 13 de novembro de 2024.

Os membros de Protección Civil de Valga que, durante a última semana, se desprazaron a Valencia para colaborar nas tarefas de limpeza trala DANA están xa de regreso. José Manuel Otero “Camaño”, responsable da agrupación, Alberto Otero e Juan Jesús Santalla foron recibidos, á súa chegada a Valga, polo alcalde, José María Bello Maneiro, que se achegou á sede de Protección Civil para agradecerlles a súa solidariedade e o labor desempeñado, que foi “duro” tanto física coma psicoloxicamente, tal e como recalcan os voluntarios.

“Foi máis estrés psicolóxico que físico, porque queres facelo todo pero non podes e non podes asimilar todo o que ves”, explica Alberto Otero. Na mesma liña, Santalla comenta que “era imposible desconectar en ningún momento. De noite víñanche á cabeza flashes e imaxes de como estaba todo”.

Os membros do servizo de emerxencias valgués chegaron á zona afectada pola DANA o pasado mércores. Nun primeiro momento foron destinados á localidade de Alfafar e, conforme pasaron os días e a situación alí ía mellorando, trasladáronse a outros municipios como Picaña ou Paiporta. Neste último atoparon “o peor de todo. Era un campo de batalla con barro por todas partes, coches amoreados uns enriba doutros, rúas intransitables... Nunca viramos nada igual. Vivendas que estaban situadas xunto ao barranco desapareceron por completo, outras probablemente acabarán caendo en cuestión de días e os testemuños da xente  eran desgarradores”.

A parte máis positiva que sacan da súa experiencia foi o tratamento que recibiron por parte dos veciños. “Aínda non baixaremos do coche e xa nos estaban dando as grazas”

As funcións que desempeñaron nos diferentes lugares nos que estiveron centráronse en achicar auga de garaxes que aínda estaban anegados, realizar medicións de gases e retirar barro e enseres das rúas. “Agora o que se necesita é maquinaria pesada e equipos específicos, co material que nós temos xa non podemos facer máis”, por iso emprenderon o regreso a Valga, a onde chegaron onte arredor das 22:00 horas. Alberto Otero fíxoo cunha lesión nun pé. Durante o seu último día na zona, cando baixaba a un garaxe a realizar unha medición esvarou no barro e torceu un nocello. “Os hospitais da zona están colapsados e atendéronme nun centro médico que improvisaron nunha residencia de anciáns. Aparentemente teño unha escordadura bilateral, pero non puideron realizarme unha radiografía”, polo que está a expensas de probas médicas.

PCDana2 PCDana3

Volver