Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Representantes de Augas de Galicia e da empresa adxudicataria acompañaron a Bello Maneiro nun percorrido polo tramo no que se ampliou a capacidade do cauce

- A próxima actuación para previr asolagamentos que sairá a contratación afectará ao río Valga, no tramo entre a vía do tren e A Devesa

VisitaLouro1

Valga, 12 de novembro de 2024.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Malena Isorna asistiron esta mañá ao acto de recepción das obras de mellora do espazo fluvial do río Louro, no tramo comprendido entre a estrada PO-548 e a liña do ferrocarril. Nesta entrega participaron representantes da empresa adxudicataria, Nemesio Ordóñez S.A., e da Xunta de Galicia, coma o subdirector xeral de Xestión e execución de infraestruturas hidráulicas de Augas de Galicia, Agustín Hernández.

Todos realizaron un percorrido pola zona na que se actuou, para comprobar o resultado dos traballos de ampliación do cauce, proxectados co obxectivo de mitigar o risco de inundacións e asolagamentos.

Este proxecto hidrolóxico, no que Augas de Galicia investiu uns 330.000 euros, supuxo o encanamento dun tramo de arredor de 800 metros do Louro, un afluente do Ulla, como parte do Plan de xestión da área de risco potencial de inundacións Ulla-Sar. Deste xeito, ampliouse a capacidade deste río, que recolle as augas dunha área de dezaseis quilómetros cadrados dende Carracedo (Caldas), onde ten o seu nacemento, ata a desembocadura no Ulla.

Nesta contorna, a existencia de vivendas, fábricas e áreas de cultivo aumentaba a presión sobre a canle fluvial e supuña, polo tanto, un punto crítico no que se producían frecuentes episodios de inundación, poñendo en risco a persoas, bens materiais e infraestruturas. Hai que ter en conta que se trata dunha área na que, ademais de vivendas habitadas, se asentan tamén importantes empresas.

Unha vez concluída esta obra, o Concello de Valga e Augas de Galicia seguen a traballar para ofrecer solucións ás zonas potencialmente inundables do municipio. A seguinte fase en saír a contratación afectará ao tramo do río Valga comprendido entre a vía do ferrocarril e A Devesa.

VisitaLouro2 VisitaLouro3

Volver