Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A función, que combina teatro de monicreques e música, dará comezo ás 20:00 horas

- A actividade forma parte do programa de promoción da lingua galega FalaRedes

BolechasWeb

Valga, 11 de novembro de 2024.

O programa de promoción do uso da lingua galega FalaRedes trae a Valga o vindeiro 29 de novembro o espectáculo “Os Bolechas tocan nunha grande orquestra”, dirixido a toda a familia e que combina o teatro de monicreques coa música para que, nun contexto distendido e alegre, os nenos e as nenas poidan gozar de novas experiencias en galego.

Nesta función, os populares personaxes creados polo debuxante Pepe Carreiro –Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá, xunto co seu can Chispa– deciden construír un escenario musical despois de atopar unha caixa chea de instrumentos para ofrecer un gran concerto. A medida que as melodías do tambor, a guitarra, o piano ou a frauta soan, aprenden os diferentes estilos musicais e compoñen as súas propias melodías.

A entrada é gratuíta para todo o público que queira asistir.

O programa FalaRedes é promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e está dirixido aos concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística, da que forma parte Valga. O obxectivo é ampliar a oferta de ocio no noso idioma, promover o uso e a valoración positiva da lingua propia de Galicia na sociedade e apoiar os artistas que desenvolven o seu traballo en galego.

Bolechas

Volver