- Estas actividades son realizadas polo Banco de España en colaboración coa Aula CeMIT
- As sesións, que tamén se impartiron no colexio Ferro Couselo, diríxense especialmente a sectores da poboación vulnerables
Valga, 11 de novembro de 2024.
As sesións de educación financeira que persoal do Banco de España, en colaboración coa Aula CeMIT de Valga, están a impartir entre diferentes sectores poboacionais, especialmente os máis vulnerables, chegaron nas últimas semanas ao CODI, onde os usuarios participaron en dous obradoiros. O último, o pasado xoves, estivo centrado na prevención de fraudes dixitais, explicándolles algunhas das estafas máis recorrentes e que medidas adoptar fronte a elas.
“Os ciberdelincuentes non precisan desenvolver estratexias moi complexas para acadar os seus obxectivos. Limítanse, simplemente, a aproveitarse do noso descoñecemento e, ás veces, da nosa limitada atención ou da nosa especial vulnerabilidade pola falta de autonomía ou de capacidade para entender os riscos”, explica Iria Méndez, unha das persoas destas actividades educativas do Banco de España. Algúns dos exemplos “reais e próximos” que cita: “unha oferta dun teléfono regalado por facer unha enquisa, unha oferta laboral, unha mensaxe simulando ser a Seguridade Social ou unha suposta multa da DXT”, son algunhas das fórmulas elixidas polos autores destes fraudes dixitais. A estas engadiu, tamén, as catástrofes coma a do Levante pola DANA, que son tamén propicias para a proliferación de fraudes aproveitando a boa vontade e as gañas de axudar da cidadanía.
Na sesión celebrada no CODI explicáronse algúns destes métodos para que os usuarios sexan capaces de recoñecelos, eviten ser vítimas e se expoñan a que accedan aos seus datos persoais, a que infecten os seus dispositivos, suplanten a súa identidade ou accedan aos seus medios de pago. Tamén lles indicaron os procedementos que deben seguir para denunciar posibles estafas e déronlles unha serie de directrices para contar con claves robustas e protexerse fronte á fraude.
Con anterioridade xa se desenvolvera no CODI outro obradoiro sobre moedas e billetes, unha actividade que fai unhas semanas se realizou tamén con rapaces do colexio Ferro Couselo. Neste taller, puideron manipular billetes e moedas de curso legal e analizar os diferentes elementos do seu deseño para aprender a distinguir os auténticos dos falsos.