- O alcalde e a concelleira de Emprego asistiron esta mañá á clausura do PIE, no que se formaron 18 persoas do noso concello
- Xa está en marcha un novo proxecto dirixido a 100 desempregados, en colaboración con Padrón, Dodro, Rois, Pontecesures e Catoira
Valga, 8 de novembro de 2024.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Emprego e Formación, Carmen Gómez, asistiron esta mañá á clausura do Programa Integrado de Emprego (PIE) no que Valga participou durante o último ano xunto cos concellos de Dodro, Padrón, Rois, Catoira e Pontecesures.
Desta iniciativa, subvencionada pola Xunta de Galicia, beneficiáronse un total de 100 persoas dos seis municipios, que melloraron a súa formación e as súas posibilidades de atopar emprego grazas á colaboración entre as administracións autonómica e locais e o tecido empresarial da contorna. Ao remate do PIE ou no seu transcurso lograron insertarse no mercado laboral 40 participantes, o que supón o 42% do total. No caso de Valga esta porcentaxe é aínda superior, xa que dos 18 participantes locais atoparon emprego 9, a metade.
O acto, celebrado no Pazo e Lestrobe, contou coa presenza da delegada territorial da Xunta na provincia da Coruña, Belén do Campo, así coma os alcaldes de Padrón, Catoira e Rois e os tenentes de alcalde de Dodro e Pontecesures. Tamén asistiron representantes das empresas da bisbarra que participaron no proxecto e algúns dos alumnos que asistiron as accións formativas desenvolvidas e que partiron de cuestións básicas coma a elaboración do currículo ou como afrontar unha entrevista de traballo para avanzar cara a formación máis específica nalgúns dos sectores que xeran máis traballo e que presentan maiores potencialidades de emprendemento no ámbito territorial de actuación: fabricación mecánica, agrario-forestal, loxística e comercio, hostalería e turismo, industrias alimentarias, téxtil e servizos comunitarios.
A delegada da Xunta felicitou aos seis concellos que comparten este proxecto por “apostar pola formación e traballar xuntos en prol da inserción e da empregabilidade”. Ademais, anunciou, que o vindeiro ano desenvolverase un novo Programa Integrado de Emprego nestas mesmas localidades para o que xa está aberta a busca de alumnos. Poderán participar un total de 100 persoas desempregadas, que recibirán orientación e asesoramento laboral individualizado e poderán participar en talleres de coaching, obradoiros de mobilidade laboral, habilidades sociais e entrevistas, accións de intermediación con empresas, fomento do autoemprego e do emprendemento e formación para o emprego.
Os interesados en tomar parte neste proxecto deben dirixirse ao departamento de Emprego do Concello.