- José Manuel Otero “Camaño”, Juan Jesús Santalla e Alberto Otero atópanse no municipio de Alfafar, un dos máis prexudicados polo desastre natural
- “Isto é como unha zona de guerra. Non se pode comparar con nada máis porque nunca vimos nada igual”
Valga, 7 de novembro de 2024.
Tres integrantes de Protección Civil de Valga, entre eles o seu responsable, José Manuel Otero “Camaño”, atópanse na Comunidade Valenciá traballando para paliar os efectos catastróficos que a última DANA causou en varias localidades. Ademais de Camaño, están tamén na zona Alberto Otero e Juan Jesús Santalla, que se desprazaron cun vehículo e o remolque de emerxencias da agrupación.
Forman parte dun equipo de doce persoas –integrado tamén por membros de Protección Civil de Cangas e Oitavén-Tea– que traballa baixo coordinación do Posto de Mando Avanzado da Xunta de Galicia, que enviou a Valencia un continxente formado por máis de douscentos profesionais e outros medios de emerxencias. Atópanse na localidade de Alfafar, unha das máis prexudicadas polos efectos devastadores da DANA. Este municipio, duns 20.000 habitantes, atópase na bisbarra de Horta Sur, a “zona cero” do desastre natural.
As tarefas que están a realizar céntranse no achicado de auga en garaxes e locais que aínda permanecen anegados e na limpeza de lodo e residuos das rúas, tanto a man como axudados de maquinaria. “Isto é como unha zona de guerra, un campo de batalla. Como as imaxes que vemos na televisión de zonas con conflitos bélicos. Non podo comparalo con nada máis porque nunca vin nada igual”, afirma Camaño, que explica que nesta zona hai “varios concellos moi pegados entre si e que quedaron completamente inundados, polo que hai que quitar cantidades enormes de barro. É un traballo de formigas, moi complicado”.
Os membros do servizo de Protección Civil de Valga agradecen o recibimento que lles brindou a poboación local. “Aínda non empezaramos a traballar e xa nos estaban dando as grazas. Sen coñecernos de nada pregúntannos se comemos, dannos café...”, relata o responsable da agrupación. “Notas que a xente está triste e en situación moi complicada, pero bótanlle valor e hai unión entre todos para tirar para adiante. Non paran de limpar e de amorear residuos nas rúas para que os recolla a maquinaria”. Por iso, conclúe Camaño, “toda axuda é necesaria”.