- O alcalde deulles a benvida e explicoulles algunhas das funcións que realiza
- Tamén se achegaron ao Museo, onde descubriron a historia de Valga, e ao parque Irmáns Dios Mosquera
Valga, 6 de novembro de 2024.
Os cativos da escola de Vilarello, que forma parte do CRA de Valga, realizaron esta mañá unha visita á Casa do Concello como parte dun percorrido máis amplo grazas ao cal está a coñecer o municipio, as súas parroquias, os seus ríos e montes, a súa historia...
O proxecto “CRAmiñando polo mundo”, que están a desenvolver os colexios rurais valgueses dende que se iniciou do curso, ten no noso concello o punto de partida dunha viaxe internacional que levará aos rapaces a coñecer diferentes lugares e culturas do planeta. Pero Valga é o comezo de todo e, por iso, hoxe achegáronse a diferentes espazos para contar cunha visión global da localidade na que algúns deles viven.
Estiveron no Museo, onde descubriron a historia de Valga e dalgúns dos seus persoeiros máis senlleiros, coma a Bella Otero ou Xesús Ferro Couselo. Alí viron “estatuas e pedras”, unha delas con debuxos de serpes: o petróglifo de Camporredondo, tamén coñecido coma Pedra da Serpe.
Despois desprazáronse ata o Parque Irmáns Dios Mosquera, para achegarse ao río Valga e a praia fluvial, e a terceira parada foi no Concello, onde foron recibidos polo alcalde, José María Bello Maneiro. Amosoulles a Alcaldía, explicoulles cales son as funcións dun rexedor e comentoulles algúns dos proxectos nos que está a traballar o goberno municipal, coma a rexeneración da mina Porto Piñeiro. “O vindeiro verán”, díxolles, “teredes en Valga unha terceira praia fluvial” nesta lagoa. Unha nena pediulle que as obras “as faga pronto, que ao final deste curso marcho de Vilarello”.
Antes de regresar á escola, tamén estiveron un anaco no Salón de Plenos. Bello Maneiro comentoulles que alí é onde a Corporación toma as decisións importantes, como, por exemplo, as melloras e obras que se fan nos colexios.