- Coñeceron os principais riscos das profesións de albanelería e forestais e que medidas preventivas deben adoptar
- Os concellos de Valga, Moraña e Portas promoven este proxecto, que é subvencionado pola Xunta e a Unión Europea
Valga, 5 de novembro de 2024.
O Obradoiro de Emprego xuvenil que comparten os concellos de Valga, Moraña e Portas vén de rematar a formación en prevención de riscos laborais, na que participaron os dezaseis alumnos do proxecto, oito da especialidade de forestais e a outra metade de albanelería.
Este obradoiro, que deu comezo a mediados do mes de outubro, ten unha duración dun ano e ten como obxectivo favorecer a inserción laboral dos participantes, mozos desempregados de ata 30 anos de idade, que reciben formación teórica e práctica nas dúas profesións mencionadas e, ademais, outras aprendizaxes complementarias coma a de prevención de riscos laborais.
Esta tivo unha duración de 60 horas e foi reforzada con outro módulo de seis horas para os oito aprendices de albanelería. Os principais contidos foron conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo, os principais riscos aos que se enfrontan nas dúas profesións do Obradoiro e as medidas preventivas que deben tomar para minimizalos. Tamén recibiron instrucións básicas sobre primeiros auxilios.
Esta formación foi impartida por unha técnica da Fundación Laboral da Construción e o seu obxectivo foi concienciar ao alumnado sobre a importancia da seguridade no traballo, identificando os riscos xerais aos que están expostos pero tamén os específicos das profesións nas que están formándose.
A directora do Obradoiro, Mª Carmen Vidal, sinala que se trata dun módulo “moi trascendente” xa que “dende o comezo deste proxecto estamos moi concienciados coa prevención de riscos laborais, velando pola seguridade dos participantes”.
Este Obradoiro de Emprego conta cunha subvención de 439.000 euros da Xunta de Galicia é cofinanciado pola Unión Europea nunha porcentaxe do 60%, a través do programa FSE+ Galicia 2021-2027.