- A asociación Amigos do Belén traballa xa na montaxe do nacemento e na creación de novas figuras
- O nacemento, que o pasado ano recibiu a máis de 45.000 visitantes, abrirá as súas portas o día 1 de decembro
Valga, 5 de novembro de 2024.
A traxedia que afecta á zona do Levante español a consecuencia da última “dana”, que deixa polo de agora máis de douscentos falecidos e miles de persoas damnificadas, está nestes días na mente de todos e está a orixinar diferentes iniciativas solidarias. Unha delas será a que poña en marcha o Belén Artesanal en Movemento a través da súa Tómbola Benéfica, que nesta edición recadará fondos para axudar aos afectados ao desastre natural na Comunidade Valenciá.
Celebrarase durante a fin de semana da ponte de decembro e as persoas e entidades que queiran colaborar poden doar os seus agasallos no local do Belén Artesanal todos os días a partir das 18:30 horas. Estes regalos serán sorteados entre as persoas que adquiran os boletos da Tómbola Benéfica durante a tarde do sábado 7 de decembro e, en caso de que aínda queden obsequios, tamén na xornada do día 8.
As referencias á catástrofe de Valencia, a modo de homenaxe aos prexudicados e recordo ás vítimas, non faltarán nesta nova edición edición do nacemento, a número trinta, que xa está en proceso de montaxe. Como é habitual, a mediados do mes de outubro, os integrantes da asociación Amigos do Belén inician os traballos de retirada do anterior deseño para idear e dar forma aos novos contidos cos que tratarán de sorprender aos visitantes desta edición. Na última foron máis de 45.000 as persoas que se achegaron a ver o nacemento, batendo todos os rexistros anteriores.
O Belén de Valga, que está declarado de Interese Turístico de Galicia, ten como principal peculiaridade o seu carácter de anuario, recollendo os acontecementos máis salientables dos últimos meses a nivel local, nacional e internacional en ámbitos coma a política, o entretemento ou o deporte. Estas novidades son un completo segredo ata o día da inauguración, que está prevista para a tarde do día 1 de decembro.
Nestas primeiras semanas o equipo, dividido en varias seccións, traballa en dar forma ás novas figuras e confeccionarlles a vestimenta, crear os mecanismos que darán vida e movemento ás novas esceas e arranxar os de edicións anteriores que está previstmo manter, construír novas estruturas e edificios con madeira e pedra e, en paralelo, comezar a reconstruír o nacemento traslandado cada peza á súa nova ubicación. Son arredor de 4.000 as figuras que, dispostas nuns 400 metros cadrados, fan que o de Valga sexa o Belén con movemento máis grande de Galicia.