- A xuntanza terá lugar o 25 de novembro ás 19:00 horas na Casa da Cultura de Valga e poden asistir titulares de terreos e de explotacións agrarias afectados polo proxecto
- Coa constitución destes dous órganos poderá darse continuidade aos traballos da concentración, que afecta a 150 hectáreas nos lugares de Martores, Vilares, Laceiras e Raxoi
Valga, 4 de novembro de 2024.
Convócase aos propietarios de parcelas, titulares de dereitos de propiedade e titulares de explotacións da zona da Reestruturación Parcelaria da parroquia de San Miguel de Valga (que afecta aos lugares de Martores, Vilares, Laceiras e Raxoi) a unha xuntanza na que se procederá á elección dos representantes da Xunta Local e Grupo Auxiliar de Traballo.
A reunión terá lugar o día 25 de novembro a partir das 19:00 horas na Casa da Cultura de Valga.
Mediante votación realizaranse dúas eleccións:
- Catro titulares e catro suplentes para a Xunta Local, un órgano colexiado formado por representantes da administración e dos propietarios.
- Un mínimo de catro persoas e un máximo de nove (3% titulares), que deben ser residentes na parroquia, para o Grupo Auxiliar de Traballo, que colaborará co equipo técnico, especialmente coa clasificación das terras.
Coa constitución destes dous órganos poderase dar continuidade aos traballos da concentración parcelaria, que nos últimos meses estiveron centrados na toma de datos sobre o terreo (localización de marcos, fixación dos lindes e localización de elementos existentes, coma pozos, mananciais, camiños, muíños, fosas sépticas, servidumes...) para a realización dos planos nos que se baseara todo o proceso de reestruturación e, especialmente, a distribución das novas parcelas.
A parcelaria de San Miguel, que está declarada de interese público Xunta, afecta a unha superficie de arredor de 150 hectáreas, con máis de 2.100 parcelas dunha superficie media de 700 metros cadrados e que pertencen a uns 322 propietarios.