- O alcalde, o subdelegado do Goberno e representantes de ADIF supervisaron a construción dunha ponte sobre a vía en Castiñeiras
- Estanse a investir preto de catro millóns de euros, dos que arredor de 219.000 son aportados polo Concello
Valga, 30 de outubro de 2024.
O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) ten previsto deixar Valga libre de pasos a nivel, tal e como anunciaron esta mañá responsables deste organismo, dependente do Ministerio de Transportes, e da Subdelegación do Goberno en Pontevedra.
O subdelegado, Abel Losada; o alcalde, José María Bello Maneiro; e o subdirector de Pasos a Nivel e Instalacións de Protección e Seguridade do ADIF Roberto Muela, realizaron unha visita ás obras que se están a desenvolver na contorna da vía do tren, á altura do lugar de Castiñeiras, para a eliminación de dous cruces ferroviarios. Tamén participaron neste percorrido o xefe de Supresión de Pasos a Nivel do ADIF, David Arenas, a directora da área de Fomento en Galicia, Ana Quintairos, e o director das obras, Diego Alonso. O Concello estivo representado, ademais de polo rexedor, pola segunda tenente de alcalde, Carmen Gómez.
Os traballos que comezaron a finais do verán conlevan a construción dun paso elevado que permitirá cruzar as vías con seguridade, garantindo a conexión entre ambas marxes e a accesibilidade para os propietarios de terreos e veciños en xeral. Terá un gálibo vertical de 7 metros, conformado por tres vans, dous carrís de 3 metros de ancho e beiravías exteriores de 0’50 metros. Adosadas a estas, senllas bandas de 1’80 metros nas que se instalarán un muro de protección, as beirarrúas, unha varanda e valla antivandálica.
Suprimiranse, deste xeito, dous pasos a nivel da liña Vilagarcía de Arousa – Bifurcación Angueira, situados nos lugares de Castiñeiras e Carracido. O primeiro está dotado, actualmente, de barreiras e sinalización luminosa e acústica. O segundo ten carácter peonil.
Ademais, como parte do mesmo proxecto, darase continuidade aos camiños de enlace paralelos á vía ferroviaria entre los lugares de Laxes e Carracido e dende a praia fluvial de Vilarello ata Vilar. A lonxitude total será de 1’7 quilómetros. O investimento total aproxímase aos catro millóns, dos que o Concello aporta máis de 219.000 euros para a posta a disposición dos terreos necesarios para executar as obras, tal e como recollía o convenio asinado no seu día co ADIF.”O Concello está a facer un esforzo notable dado que se viron afectadas máis de 240 parcelas e tiveron que xestionar con cada un dos propietarios a adquisición dos terreos para poñelos a disposición do ADIF para poder executar as obras”, indicou Roberto Muela. Ademais, unha vez rematada a actuación, o Concello asumirá as obras de mantemento e conservación dos novos viais.
O alcalde agradeceu ao ADIF o desembolso económico que está a realizar en Valga e lembrou que estas obras son a segunda fase dun proxecto cuxo alicerce se remonta a fai máis de quince anos. Por aquel entón executouse unha primeira fase, que incluíu a construción dun paso superior e dous inferiores á vía do ferrocarril e a execución de estradas de enlace en paralelo á vía, para ofrecer alternativas aos veciños para cruzar de xeito seguro o “camiño de ferro”.
“O Concello seguirá colaborando co ADIF para seguir avanzando no obxectivo de converter a Valga nun municipio totalmente seguro no que á infraestrutura ferroviaria se refire”, anunciou José María Bello Maneiro. Neste sentido, amosouse confiado en que “a terceira fase deste proxecto non tarde tando como a segunda en facerse realidade”. O subdelegado do Goberno, de feito, recoñeceu os plans do ADIF “para avanzar de cara á supresión doutros dous pasos a nivel que aínda quedan en Valga. Un deles está situado no límite con Pontecesures (na Devesa), para o que se están barallando dúas alternativas. O outro atópase no outro extremo do municipio”, en Vilar, comentou Abel Losada.
Tamén Roberto Muela se referiu a este proxecto de futuro, ao afirmar que “estamos traballando con intensidade para poñer solución aos dous pasos a nivel que aínda quedan” en Valga. Os dous contan con barreiras e sinalización.