- Este centro promove a integración de persoas con discapacidade a través de obradoiros de reciclaxe, alfabetización dixital ou expresión artística
- Conta con usuarios de Valga, pero tamén doutros concellos da contorna, como Pontecesures, Caldas ou Cuntis
Valga, 24 de outubro de 2024.
A aula de informática do centro ocupacional e de día para persoas con discapacidade (CODI) conta con novo equipamento que foi adquirido cunha subvención concedida polo Grupo de Desenvolvemento Rural O Salnés Ulla-Umia, no marco do programa europeo Leader. O investimento total foi de 13.007 euros, dos que 9.833’67 se corresponden coa axuda do GDR. O financiamento restante correu a cargo do Concello.
Instaláronse catorce novos equipos, formados pola torre dos ordenadores, rato e teclado. Con eles poderán realizarse obradoiros de alfabetización dixital cos usuarios do CODI e outras actividades en colaboración con Asdivalu (asociación de persoas con discapacidade dos vales Ulla Umia), co obxectivo de incrementar o nivel educativo e as capacidades dos participantes, favorecendo a súa plena integración. No CODI estanse a desenvolver actualmente outros obradoiros coma os de reciclaxe, musicoterapia, estimulación cognitiva ou expresión artística.
O alcalde, José María Bello Maneiro, confésase “moi orgulloso” do servizo que ofrece o CODI e de “poder contribuír á inserción das persoas con discapacidade”. O rexedor sinala que o CODI “é o único centro deste tipo xestionado directamente por un concello en toda a provincia. Non só conta con usuarios de Valga, senón tamén de Pontecesures, Caldas de Reis ou Cuntis. Ver a súa evolución e como aproveitan e desfrutan dos servizos que se ofrecen no centro paga a pena”.