Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Esta data, que se instaurou a nivel rexional o pasado ano, conmemórase o vindeiro 31 de outubro

- Deseñáronse carteis advertindo sobre os riscos de fumar e estanse a distribuír dixital e fisicamente

DíaGalegosenTabaco1

Valga, 24 de outubro 2024.
A Unidade de Prevención de Condutas Adictivas, que o Concello de Valga comparte con Dodro, Padrón, Rois e Rianxo, está a desenvolver unha campaña de concienciación sobre os perigos e consecuencias adversas do consumo de tabaco, con motivo do Día Galego sen Tabaco, que se conmemora o vindeiro 31 de outubro. Este é o segundo ano no que se celebra a nivel autonómico esta data, co obxectivo sensibilizar dos riscos de fumar ou vapear e loitar contra a que, para moitos, é unha das principais pandemias do século XXI.

A unidade de prevención está a distribuír, tanto dixital coma fisicamente, un total de catorce carteis con outros tantos lemas nos que se advirte sobre as consecuencias do consumo de tabaco, unha droga que mata a máis de oito millóns de persoas ao ano no mundo, das que 1’3 millóns son fumadores pasivos. No que respecta á poboación infantil, arredor de 65.000 nenos morren anualmente por enfermidades relacionadas co fume do tabaco. Hai que ter en conta que, ao prender un cigarro, orixínanse máis de 4.000 tóxicos distintos e, por iso, tal e como advirte a campaña da Unidade de Prevención das Condutas Adictivas, “o tabaco sempre é prexudicial”. Non existe un nivel seguro de exposición e tense convertido na primeira causa evitable de enfermidades, invalidez e morte prematura no mundo.

A iniciativa que está a desenvolver a entidade de prevención das drogodependencias da que forma parte Valga céntrase tamén nos vapeadores, advertindo que tamén conteñen nicotina e outras substancias tóxicas e que, ao igual que o tabaco convencional, danan ás persoas fumadoras pasivas.

Os carteis que forman parte da campaña divúlganse a través das redes sociais da Unidade de Prevención e tamén se están a colocar nos cinco concellos adheridos. En Valga atópanse nas diferentes farmacias, nos edificios municipais e nalgúns taboleiros de anuncios das distintas parroquias e núcleos.

DíaGalegosenTabaco2

Volver