Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O proxecto de mellora do espazo fluvial supuxo o encanamento dun treito de 800 metros neste afluente do Ulla

- Augas de Galicia investiu uns 330.000 euros nas obras, nunha contorna con vivendas habitadas e importantes fábricas

Louro1

Valga, 22 de outubro de 2024.
O tramo do río Louro comprendido entre a estrada PO-548 e a vía do ferrocarril vén de ser ampliado pola Xunta de Galicia co obxectivo de mitigar o risco de inundacións e asolagamentos nunha zona na que a presión sobre a canle fluvial se vía aumentada pola existencia de vivendas, fábricas e áreas de cultivo.

Este proxecto hidrolóxico, no que se investiron uns 330.000 euros e que foi contratado por Augas de Galicia á empresa Nemesio Ordóñez S.A., supuxo o encanamento dun tramo de arredor de 800 metros do Louro, un afluente do Ulla, como parte do Plan de xestión da área de risco potencial de inundacións Ulla-Sar. Deste xeito ampliouse a capacidade dun río que recolle as augas dunha área de dezaseis quilómetros cadrados, dende o seu nacemento en Carracedo (Caldas) ata a súa desembocadura no Ulla.

Este factor convertía a zona na que se executaron as obras nun punto crítico no que se producían frecuentes episodios de inundación, poñendo en risco infraestruturas, persoas e bens materiais. Hai que ter en conta que se trata dunha contorna na que, ademais de vivendas habitadas, se asentan tamén importantes empresas.

As actuacións de mellora do espazo fluvial do Louro, incluíron traballos de recuperación dalgúns elementos patrimoniais vencellados ao río, coma a pontella de Belixos, que foi restaurada e ampliada. Destacan tamén na zona de obras outros bens coma a fonte e o lavadoiro do Forno ou o muíño e a ponte de Casanova. Así mesmo, este treito de gran valor ambiental, destaca pola súa riqueza biolóxica con especies vexetais coma amieiros, freixos, estripeiros e sabugueiros. Entre a fauna máis arraigada atópanse anfibios coma a ra ibérica ou a de San Antón, píntegas e aves coma a escribenta.

Louro2 Louro3

Volver