- O investimento realizado para mellorar a mobilidade na zona ascendeu a 59.345 euros
- Parte dos fondos procederon do Plan Marco, co que a Xunta de Galicia promove o acondicionamento das infraestruturas en zonas rurais
Valga, 21 de outubro de 2024.
Un dos camiños rurais do lugar de Carracido (Cordeiro) conta con novo pavimento, financiado a través do Plan Marco da Consellería do Medio Rural. Esta vía de titularidade municipal foi arranxada nas últimas semanas para mellorar as condicións da circulación e da seguridade nesta contorna, o que permitiu, ademais, renovar outros servizos e canalizacións.
O investimento realizado foi de 59.345’55 euros e actuouse nun tramo duns trescentos metros nun dos camiños que desemboca na estrada provincial EP-8505 (Ferreirós-Vilar). Instaláronse novas canalizacións para a recollida de augas pluviais e acondicionouse o firme a base de aglomerado en quente con cinco centímetros de espesor. Ademais, nalgúns puntos aumentouse o ancho da vía para chegar aos seis metros en todo o trazado.
Deste xeito favorécese a mobilidade dos residentes dotándoos dunha infraestrutura pola que circular en condicións de maior seguridade, tal e como puideron comprobar os concelleiros Carmen Gómez e Pedro Calvo nunha visita realizada á zona.
Os traballos foron realizados pola empresa Construcciones E.C. Casas.