Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O profesorado do centro realizará estancias formativas en centros educativos de países coma Italia, Noruega ou Portugal
- O proxecto de Valga foi o segundo máis valorado de España, de todos os que se presentaron ao programa Erasmus+

AuxiliardeConversaCRA

Valga, 15 de outubro de 2024.
O Centro Rural Agrupado de Valga continúa con boas noticias neste inicio de curso. Ademais do incremento de alumnado matriculado, que ven sendo progresivo dende hai anos, co conseguinte aumento de aulas que se materializou en setembro, o CRA contará con 16.708 euros de financiación europea para o desenvolvemento do seu proxecto “Aulas mixtas en contornas rurais”.

Este proxecto foi aprobado este verán na Unión Europea, “quedando segundo a nivel nacional de todos os centros educativos de España, de entre miles que se presentaron” ao programa Erasmus+, explica a directora, Antía Piñeiro. “Isto supòn que o profesorado do CRA realizaremos estancias formativas noutros países (Italia, Noruega ou Portugal) en centros educativos de referencia”, engade.

Ademais, durante este curso 2024/2025, continuarase implementando o proxecto Plurilingüe en todas as aulas do CRA, contando cunha auxiliar de conversa procedente de Estados Unidos que se suma ás materias que xa se impartían en lingua estranxeira (inglés e psicomotricidade). A partir de agora tamén se realizarán sesións de “inmersión lingüística” con esta auxiliar, polo que se aumentarán as horas de docencia en inglés.

O proxecto global co que traballarán todas as escolas do CRA durante este curso chámase “CRAmiñando polo mundo”, a través do cal o alumnado realizará “viaxes” para descubrir os costumes, gastronomía, idiomas, flora, fauna, folclore… doutros países, partindo sempre do máis próximo, que é Valga.

Pulo para a biblioteca
Por último, outra das novidades que se levou a pasada semana ao Claustro, no que se aprobou a programación xeral para o presente curso, está relacionada coa biblioteca. O pasado curso o CRA pasou a formar parte da rede de centros que contan co Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) da Consellería de Educación, “un feito que agora nos abre as portas a novos programas aos que antes non tiñamos acceso, como ‘Lectura e familia’ ou ‘Bibliotecas Creativas’”, resalta a directora. O acto de apertura da biblioteca tivo lugar o pasado martes coa asistencia de corenta das 92 familias que integran a comunidade educativa do CRA de Valga.

BibliotecaCRA

Volver