- O alcalde, a concelleira Carmen Gómez e o técnico Santiago Chenlo están a participar nos actos festivos
- As dúas localidades manteñen intercambios dende comezos dos anos 2000, cando cañeiros valgueses “exportaron” a Cataluña o seu sistema de destilado da caña
Valga, 12 de outubro de 2024.
O alcalde, José María Bello Maneiro, a concelleira Carmen Gómez, e o técnico de Cultura Santiago Chenlo integran a delegación municipal que esta fin de semana asiste na localidade de Prat de Comte (Tarragona) á XXI Festa de L’Aiguardent. Valga mantén intercambios con este municipio da bisbarra catalá da Terra Alta dende comezos dos anos 2000, cando se celebrou a primeira edición deste festexo co asesoramento de cañeiros valgueses, que “exportaron” a Prat de Comte o seu sistema de destilado.
A programación da festa inclúe demostracións de destilado e degustación de augardente local e tamén de pastas elaboradas con este licor, mostras de artesanía, actuacións musicais e unha recepción oficial de autoridade que tivo lugar esta tarde. Os representantes do Concello de Valga intercambiaron agasallos institucionais co alcalde de Prat de Comte, Miquel Trilla, e coa tenente de alcalde, Montse Viña, que este verán estiveron en Valga participando na Festa da Anguía e Mostra da Caña do País acompañados polo concelleiro Pepe Solanes. Neste acto oficial tamén participou Juan Ramón Pallarés, exalcalde de Prat de Comte, que ideou a Festa de L’Aiguardent e a pregoeira desta edición, a xornalista e escritora Empar Moliner.
Nesta primeira xornada de celebracións, a delegación valguesa tivo tamén ocasión de percorrer o recinto da festa. Son as vivendas dos propios veciños as que, durante estes días, se converten en stands de destilación e degustación de augardente e de pastas.
Ademais, durante a estadía en terras tarraconense, o alcalde, a concelleira e o técnico municipal coñeceron o funcionamento da destilería e o forno de pan de Prat de Comte e tiveron a ocasión de achegarse ao pobo veciño de Horta de San Joan, onde visitaron a adega Les Vinyes del Convent, acompañados polo dono, Elías Gil, así como polos principais representantes do Concello de Prat de Comte: o alcalde, a tenente de alcalde e outros concelleiros.