Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alcalde e a concelleira de Educación deron esta mañá a benvida aos estudantes da “Universidade da música de Valga”

- O CSM e o Concello traballan da man para acadar un Centro Superior de Arte Dramática que permita formar a artistas “integrais”

CursoCSM24 1

Valga, 1 de outubro de 2024.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Educación, Carmen Gómez, asistiron esta mañá no Auditorio ao acto de inauguración do curso 2024-2025 do Centro Superior de Música (CSM Galicia). Son xa cinco os cursos nos que “a Universidade da Música de Valga”, como se referiu o alcalde ao CSM, leva en funcionamento, co obxectivo de “formar músicos integrais, que ademais de ser grandes instrumentistas e dar concertos pidan tamén participar en musicais, cine, ópera...”, subliñou o presidente do centro, Manuel Villar. E para avanzar nesa dirección o Concello está a traballar para poder implantar en Valga un Centro Superior de Arte Dramática.

No acto tamén participaron o director artístico do CSM, Simón Ibáñez; a vicedirectora, Paula Gago; a xerente, María Jesús Rey; e a xefa de estudos, Ilona Timchemko. Dende Viena interveu Liina Leijala, directora de Programas Internacionais do CSM e directora do Barenboim-Said for Music.

Neste curso, o centro contará con case oitenta alumnos chegados dende diferentes puntos de España, Europa, América e Asia, que se formarán en especialidades como composición, dirección, interpretación, musicoloxía, pedagoxía xeral e da linguaxe musical, produción e xestión. “Para Valga é un orgullo ser a terceira localidade de Galicia en contar cun Centro Superior de Música e poremos toda a colaboración da nosa parte para que este curso sexa un éxito como foron os catro anteriores”, indicou o alcalde, que deu a benvida aos estudantes que se incorporan.

Simón Ibáñez incidiu que a historia do CSM non se limita a estes cinco anos, senón que “empezou fai case tres décadas cando se fundaron a Escola de Música, a Banda e, posteriormente, coa construción deste edificio”, en referencia ao Auditorio, que agora é a sede do Centro Superior. Explicou que o obxectivo é “proxectar dende Valga unha mirada internacional” a través do Promotion Program e avanzou algúns dos principais eventos que terán lugar nos vindeiros meses. En febreiro actuarán en Valga os gañadores do concurso de talentos “Goldene Note”, da televisión pública de Austria, en marzo un alumno do CSM terá a oportunidade de actuar como solista no Golden Hall de Viena e durante este curso tamén se realizarán as audicións para seleccionar ao alumnado que en 2025 terá a oportunidade de participar nun concerto en Nova Iorque.

Paula Gago, pola súa parte, ofreceu unha mirada máis local sobre a actividade do Centro Superior de Música, referíndose á colaboración que veñen mantendo co Centro de Día de Valga e outras entidades sociais da contorna para asistir a audicións e concertos do alumnado do CSM. A vicedirectora pediu aos estudantes que aproveiten estas actividades, que serven para “gañar experiencia escénica e seguridade”, pero que principalmente teñen un carácter social importante. “Para vós é unha actuación máis, pero para os asistentes é un día especial nas súas vidas”. Tamén se reforzará a xira por auditorios e igrexas da Galicia posta en marcha nos últimos cursos.

O acto inaugural contou coa actuación a trío de Alfredo Susavila (piano), Pachi Cruz (contrabaixo) e Brais Villar (batería).

CursoCSM24 2 CursoCSM24 3

Volver