Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os concellos enfróntanse a un aumento que pode superar os 40 euros por tonelada para o ano 2025

- A Xunta anunciou bonificacións ás que Valga podería acollerse ao cumprir os requisitos de incremento da reciclaxe e reducción de residuos

contedores lixo e aceite1

Valga, 2 de outubro de 2024.

O grupo de goberno aprobou no Pleno ordinario celebrado onte unha moción na que se solicitan ao Goberno Central, a Sogama e á Xunta de Galicia medidas para evitar a suba do canon da recollida de residuos urbanos que podería superar os 40 euros para o vindeiro ano 2025. PSOE e BNG abstivéronse na votación.

A Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) ten anunciado para 2025 unha suba do canon do lixo de ata 42 euros por tonelada, pasando dos 66 euros actuais aos 108 que se aplicarían o vindeiro ano. Isto débese, como recolle a exposición de motivos da moción presentada polo grupo de goberno, ás medidas aplicadas polo Goberno do Estado no marco da Lei 7/2022 de residuos e solos contaminados para unha economía circular, que aumenta as imposicións ao vertido e á incineración de residuos.

Os acordos adoptados son:
- Esixir ao Goberno Central que dea marcha atrás e suprima todos os impostos que gravan a a actividade do tratamento de residuos.
- Esixir ao Goberno Central que recupere a retribución ao investimento da planta termoeléctrica de Sogama, á que tiña dereito ata o final da súa vida útil (2026).
- Unha vez que o Goberno Central atenda estas peticións, esixir a Sogama que se comprometa a non aplicar a suba prevista para 2025.
- Solicitar o mantemento do importe do canon unitario aos concellos con programas de xestión de residuos orgánicos mediante compostaxe.
- Solicitar ao Goberno Central e á Xunta apoio económico aos concellos para poder cumprir cos requisitos da nova Lei de Residuos, non só na implantación senón tamén non mantemento das novas medidas ao longo do tempo.

A Xunta de Galicia xa ten confirmado que asumirá parte da suba do canon do Sogama, coa aportación aos concellos de 12 euros por tonelada a través do Fondo de Cooperación Local. Ademais, a Consellería de Medio Ambiente tamén anunciou bonificacións que permitirán aos concellos rebaixar a 83 euros/tonelada o custo real a pagar polo tratamento dos residuos urbanos sempre e cando cumpran un dos seguintes requisitos: reducir nun 1% —como mínimo— a cantidade de residuos entregada e Sogama en comparación co ano anterior, ou acreditar un incremento do 3% da recollida selectiva realizada a través do contedor amarelo (reservado aos envases de plástico, latas e briks) ou ben do contedor marrón (no que se deposita a fracción orgánica).

Valga, a día de hoxe, cumpre estes requisitos tal e como recolle a moción aprobada onte. No ano 2020 implantouse no concello un plan de xestión dos biorresiduos a través da compostaxe, instalando tres centros de compostaxe comunitaria e distribuíndo entre os veciños máis de mil composteiros domésticos.

Deste xeito, conseguiuse pasar dunha porcentaxe de recollida de fracción resto do 85% e de recollida selectiva dun 15% en 2019 a unha porcentaxe do 72% de fracción resto e de 28% de recollida selectiva en 2023.

No debate da moción o alcalde lamentou que as administracións supramunicipais non pensen nos concellos á hora de lexislar. “Dende arriba apróbanse as leis pero estas non veñen acompañadas de recursos económicos e, ao final, sempre temos que asumilos os Concellos. Nós non estamos dispostos a dicir amén nin ao Goberno Central nin á Xunta e solicitamos a ambos que eviten esta suba do canon xa que as dúas administracións teñen competencias”, dixo José María Bello Maneiro.

Na mesma sesión foi rexeitada (cos votos en contra do grupo de goberno e a favor de PSOE e BNG) outra moción sobre o mesmo asunto, xa que só incluía reclamacións á Xunta de Galicia, tendo tamén competencias na materia o Goberno Central.

Volver