- As Corais de Cambre, Arbo e Cantigas do Castro actuaron xunto aos anfitrións da Polifónica Santa Comba de Cordeiro
- O alcalde e a deputada provincial Belén Cachafeiro asistiron ao concerto
Valga, 6 de outubro de 2024.
A música vocal foi protagonista este sábado no Auditorio Municipal coa celebración do Festival de Outono de Corais, que cumprir a súa décimo sexta edición reunindo a catro agrupacións das provincias da Coruña e Pontevedra. As Polifónicas de Cambre e Arbo e o coro Cantigas do Castro acompañaron sobre o escenario aos anfitrións e organizadores da Coral Santa Comba de Cordeiro. As catro ofreceron un repertorio propio e, para pechar o concerto, actuaron conxuntamente.
A encargada de abrir o concerto foi a Coral Polifónica de Cambre, fundada en 1998 no seo da Asociación da Terceira Idade desta vila coruñesa e que dirixe Santiago Lago Rey. Interpretou un programa cos temas “Cada Noite”, un poema musicado de Rosalía de Castro, “Viento del Norte, “Recuérdame” e “Ojos de España”.
Tomou o relevo a Coral Polifónica de Arbo, composta por trinta voces mixtas. Baixo a dirección de Víctor Fernández Nogueira, ofreceron un repertorio coa canción galega “Meu amor é mariñeiro”, a xota “De ronda”, “Maite” e a popular “Miudiño”.
A Coral pontevedresa Cantigas do Castro, dirixida por Sara Diz Rodríguez e que o ano pasado celebrou o seu trixésimo aniversario, cantou para o público as pezas”A virxe de Portovello”, “Volare”, “Gaivotas” e “Esta tierra”.
Por último, actuou a valguesa Polifónica de Santa Comba, que está integrada na actualidade por 37 músicos, presidida por Valentina Ferro e dirixida por Manuel López Castro. O seu programa de catro temas incluíu “La del soto del parral”, “Soon ah will be done”, “Peregrino de la noche” e “Aleluya”. Acompañounos ao piano Paula Gago.
Como peche da gala, as catro corais interpretaron conxuntamente e acompañados polo público as cancións “Cielito lindo” e “Maruxiña do Forneiro”.
Ao festival asistiron o alcalde, José María Bello Maneiro, a concelleira Malena Isorna e, en presentación da Deputación Provincial, a deputada Belén Cachafeiro, que participaron no acto de entrega de agasallos ás corais participantes, xunto ao director da Escola de Música e a Banda Municipais, Manuel Villar.