- “O peixe luminoso e a fábula da raposa e o caranguexo”, a cargo de Mirari Urruzol, combinou relatos e cancións
- O 25 de outubro haberá outra representación no Auditorio con entrada de balde
Valga, 9 de outubro de 2024.
Cativos de diferentes idades e as súas familias déronse onte cita na Casa da Cultura para divertirse co espectáculo de monicreques "O peixe luminoso e fábula da raposa e o caranguexo", a cargo da compañía Babaluva Teatro, unha actividade organizada polas bibliotecas municipais e enmarcada dentro do programa de animación á lectura “Ler Conta Moito”, no que o Concello conta coa colaboración da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
Mirari Urruzol foi a protagonista da actuación xunto a unha serie de personaxes entre os que había sardiñas, rodaballos, cangrexos, peixes abisais, polbos e ata unha raposa. Os asistentes escoitaron a historia do peixe luminoso, baseada no conto popular italiano do escritor Ítalo Calvino, e tamén a fábula da raposa e o cangrexo. Mirari Urruzol empregou diferentes tipos de monicreques para animar os relatos e, ademais, amenizou a tarde con cancións.
As actividades nas bibliotecas municipais continúan a finais de mes, en concreto o 25 de outubro ás 18:30 horas no Auditorio Municipal cunha nova sesión de monicreques a cargo de Carmen Domech. O título é “Onde viven os monstros” e está dirixida a nenos de 3 a 11 anos. Nesta historia, chea de humor e diversión, Max crea na súa habitación un mundo imaxinario onde é libre. Libre mesmo para ser monstro, o máis monstro de todos.
A entrada é de balde.