- Coñeceron as características dos cartos de curso legal e trucos para diferenciar as falsificacións
- A actividade “Finanzas para todos” realizarase tamén no CODI e no Obradoiro de Autocoidados
Valga, 10 de outubro de 2024.
O alumnado o colexio Xesús Ferro Couselo asistiu na xornada de onte a unha actividade do programa de Educación Financeira do Banco de España. Tratouse dun obradoiro de billetes e moedas impartido por Iria Méndez para achegar á rapazada ferramentas que lles axuden a tomar boas decisións no ámbito financeiro, adaptadas á súa etapa vital. “Facer un recado, ter os seus aforros... son algúns dos primeiros contactos coas finanzas que teñen os máis cativos e para iso deben saber contar os cartos” e estar familiarizados coas moedas e billetes.
No obradoiro explicouse cal é a función do Banco de España, así coma o proceso de fabricación e posta en circulación dos billetes e moedas e a loita contra a falsificación e o fraude. Ademais, a entidade tamén traballa para divulgar os dereitos dos usuarios. Entre eles o dereito a pagar en efectivo. “Este é o único medio de pago universalmente aceptado”, destaca Iria Méndez. “Danos autonomía, garante a nosa privacidade e favorece a inclusión”.
Durante a xornada, os escolares tiveron a oportunidade de manipular billetes e moedas de curso legal. Analizaron os diferentes elementos do seu deseño e tamén os elementos de seguridade e descubriron como distinguir un billete válido dun falso a través dun método en tres pasos: tocar, mirar e xirar. No referido ás moedas, comprobaron as súas características magnéticas cuns imáns. Algúns deles quedaron no colexio para realizar un sorteo entre o alumnado.
A representante do Banco de España explicoulles tamén como se debe proceder en caso de atopar un billete falso, moedas manipuladas ou doutros países.
Este mesmo obradoiro impartirase no CODI o vindeiro 30 de outubro. No centro para persoas con discapacidade ou diversidade funcional están previstas outras dúas xornadas sobre finanzas persoais e protección contra o fraude. "Son persoas especialmente vulnerables, polo que é moi importante que conten con ferramentas para protexerse".
O programa “Finanzas para todos” chegará tamén aos participantes no Obradoiro de Autocoidados, que terán a ocasión de participar en dous obradoiros a finais de mes.