- Os alcaldes de Valga e Moraña e o delegado da Xunta participaron esta mañá no acto de peche do proxecto
- Os dous concellos, aos que se incorpora tamén Portas, xa contan con outros dous obradoiros aprobados para formar a 36 desempregados
Valga, 30 de setembro de 2024.
O Obradoiro de Emprego Xóvenes II, que dende outubro de 2023 veñen desenvolvendo os concellos de Valga e Moraña, clausurouse esta mañá nun acto ao que asistiu o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e o director territorial de Emprego, José A. Rodríguez. Estiveron acompañados polos dous alcaldes, José María Bello Maneiro e José Luis Gómez, e pola directora do Obradoiro, Mª del Carmen Vidal.
O proxecto Xóvenes II ofreceu formación teórica e práctica de albanelería e forestais a un total de dezaseis alumnos de ata 30 anos de idade que se atopaban en situación de desemprego. Durante un ano, os aprendices compatibilizaron as aulas teóricas coa execución de obras de interese público que, no caso de Valga, incluíron o acondicionamento do parque infantil da Mina Mercedes e dun local no baixo do campo de fútbol de Baño, así como actuacións de mellora en áreas verdes coma Porto Piñeiro, o Parque Irmáns Dios Mosquera ou o Miradoiro de Beiro. Para levar a cabo o Obradoiro, a Xunta aportou unha subvención de 424.836’96 euros.
“O obxectivo destes obradoiro é que teñades maiores facilidades para atopar un posto de traballo”, díxolles o alcalde valgués aos aprendices. Algúns deles xa o conseguiron. É o caso de dous alumnos que, no transcurso do Obradoiro, xa lograron insertarse. Outros catro incorporaranse ao mercado laboral unha vez rematen as sesións formativas, a finais desta semana. Bello Maneiro felicitou ao equipo directivo e docente polos resultados acadados e agradeceu á Xunta o seu apoio económico xa que, sen el, este obradoiro sería inviable”.
A directora de Xóvenes II puxo en valor os obradoiros de emprego dirixidos a mozos, posto que “os participantes teñen toda a vida por diante para aproveitar a formación teorico-práctica que reciben” e, polo tanto, maiores posibilidades de sacarlle partido en forma dun posto de traballo.
O delegado da Xunta foi o encargado de pechar o acto e fixo fincapé en que “a mellor política social que se pode facer desde as administracións é a creación de emprego”. Neste sentido transmitiu os parabéns aos Concellos de Valga e Moraña “polo traballo que veñen realizando neste ámbito. Non é doado conseguir un Obradoiro de Emprego de Garantía Xuvenil, de feito na última convocatoria só o acadaron seis concellos da provincia, e iso significa que elaboraron e presentaron un bo proxecto”.
Dous novos obradoiros
Os concellos de Valga e Moraña, neste caso tamén coa participación de Portas, porán en marcha nas vindeiras semanas outros dous obradoiros de emprego que lle foron concedidos pola Xunta. O novo taller xuvenil, que será o primeiro en arrancar a mediados de outubro, conta cunha aportación económica de 439.000 euros e formará a dezaseis participantes nas especialidades de forestais e albanelería.
E a nova edición do Obradoiro dual Ulla-Umia, que ten aprobada unha subvención de 412.000 euros, contará cunha vintena de alumnos repartidos nos módulos de Conservación e mellora de montes, repoboacións forestais e tratamentos sílvicolas e Carpintería e moble.