Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Visitaron a sede da entidade en Santiago, un antigo curtidoiro rehabilitado á beira do río Sarela

- Recibiron información sobre a bolsa de emprego que xestiona a Fundación e entregaron os seus currículos

XóvenesFundación1

Valga, 26 de setembro de 2024.

O alumnado do módulo de albanelería do Obradoiro de Xóvenes II Moraña-Valga participou esta semana nunha acción formativa na sede da Fundación Laboral da Construción de Galicia. Os aprendices desprazáronse a Santiago de Compostela acompañados pola directora do Obradoiro, Mª Carmen Vidal.

Á súa chegada á Fundación foron recibidos pola orientadora laboral e o técnico de emprego da entidade, que os guiaron polas instalacións. Estas emprázanse en Pontepedriña de Arriba, á beira do río Sarela, nun antigo curtidoiro que foi rehabilitado. Os representantes da Fundación explicáronlles aos alumnos como se levou a cabo a recuperación do antigo taller de peles, conservando a tipoloxía construtiva pero adaptándoa ás necesidades propias da Fundación.

A visita incluíu unha xornada de orientación na que se explicaron as actividades formativas que a Fundación Laboral da Construción leva a cabo dende a súa fundación e proxectouse un vídeo con algunhas das técnicas máis vangardistas que se empregan neste sector. Os participantes no Obradoiro tamén foron informados sobre a bolsa de emprego que xestiona a Fundación e entregaron os seus currículos.

Dende a dirección do Obradoiro, conxuntamente cos departamentos de Orientación Laboral dos concellos de Valga e Moraña, estase a traballar na inserción laboral do alumnado, realizando contactos con diferentes empresas relacionadas coas dúas especialidades que se imparten: albanelería e forestais.

O Obradoiro Xóvenes II, promovido polos concellos de Moraña-Valga, está a piques de rematar despois dun ano de actividade formativa, tanto teórica coma práctica, para os 16 alumnos participantes. O proxecto foi subvencionado pola Xunta de Galicia e cofinanciado pola Unión Europea mediante o programa FSE+Galicia 2021-2027.

XóvenesFundación2 XóvenesFundación3

Volver