- Executarase a ampliación da estrada e a continuación das beirarrúas e sendas peonís para garantir a seguridade
- Tamén se canalizarán os servizos, instalando tubaxes para augas pluviais, saneamento e alumeado
Valga, 25 de setembro de 2024.
A área empresarial de Campaña e Xanza afronta unha nova fase de obras para mellorar o seu sistema viario e, así, compatibilizar de forma axeitada o tráfico pesado relacionado coas industrias asentadas na zona co tránsito de turismos e tamén de peóns. Os traballos están a ser executados pola empresa Covsa e supoñen un investimento de case 150.000 euros, que cofinancian o Concello e a Consellería de Economía e Industria, esta última a través dunha liña de axudas para a habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais de Galicia.
As obras retomaranse no punto no que rematou a anterior actuación, á altura das instalacións de Intavalsa, e afectarán a un tramo de máis de medio quilómetro ata a ODL. Ampliarase o ancho da estrada, crearanse beirarrúas e un tramo de senda peonil de xabre e instalaranse novas tubaxes para abastecemento, recollida de augas pluviais e soterramento da liña do alumeado público.
A área de Campaña, que é o principal asentamento industrial de Valga, reúne a cinco grandes empresas que contan con arredor de 2.000 empregados. A elevada mobilidade obriga a dotar á zona de accesos e vías de circulación con capacidade suficiente e que garantan a seguridade dos usuarios. Con este obxectivo, o Concello iniciou hai anos un plan de adecuación dos accesos e vías de circulación do parque empresarial, do que xa se levan executadas varias fases.