- O alcalde e a concelleira Carmen Gómez achegáronse esta mañá a saudar ás participantes
- A mostra, que tamén conta con stands de venda, estará aberta ao público ata as 19:30 horas
Valga, 14 de setembro de 2024.
A arte tradicional do encaixe de bolillos é protegonista durante a xornada de hoxe no pavillón municipal de Baño, onde se celebra a oitava edición do Encontro de Labores Artesanais, organizado pola asociación local A Bella Otero. Esta cita, que xa é tradicional no remate do verán en Valga, reúne a unhas 450 persoas, das que unhas 400 son palilleiras, e o resto rexentan unha vintena de postos de venda de artigos para encaixe e outras labores artesanais.
As participantes chegan dende practicamente todos os recunchos de Galicia, representando a ducias de asociacións e colectivos. Ademais de bolillos, que é a labor por excelencia que realizan, algúns dos presentes practican gancho, calceta ou bordado.
Para darlles a benvida a todos, esta mañá achegáronse ao pavillón de Baño o alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez, que fixeron un percorrido por toda a mostra e felicitaron á asociación organizadora polo traballo que vén realizando dende hai anos para consolidar esta actividade cultural.
Durante toda a xornada sorteáronse agasallos doados por colaboradores e casas comerciais de Valga e doutros concellos da contorna e tamén pode verse unha exposición de traballos realizados polas integrantes da asociación de palilleiras A Bella Otero.