- Os aprendices de carpintería colocaron unha randeeira de madeira con vistas a unha das lagoas
- O alumnado de forestais realiza tarefas de poda de árbores, desbroce e limpeza
Valga, 16 de setembro de 2024.
O Obradoiro de Emprego Ulla-Umia VII, no que participan vinte aprendices que reciben formación teórica e práctica nas especialidades de carpintería e forestais, está a traballar na Mina Mercedes e na lagoa Porto Piñeiro, onde desenvolven tarefas de limpeza e acondicionamento e tamén de instalación de novo mobiliario.
Se durante o pasado mes de agosto os alumnos de carpintería instalaron unha pérgola con mesas e bancos na zona do parque infantil anexa á Mina Mercedes, nos últimos días construíron unha randeeira de madeira xunto a un dos pantaláns. Da estrutura principal pende un asento no que os usuarios deste espazo natural poderán sentarse a contemplar as vistas da lagoa e a gozar da contorna. E aínda lles queda pendente unha terceira actuación nesta zona, xa que na marxe contraria está prevista a colocación dun banco elevado a modo de miradoiro.
Pola súa parte, os aprendices de forestais atópanse realizando labores de mantemento na mina Porto Piñeiro, que inclúen tanto desbroces e limpezas coma poda do arborado existente.
O proxecto Ulla-Umia está promovido polos concellos de Valga e Moraña e conta cunha aportación da Xunta de Galicia de 530.000 euros para formar a unha vintena de desempregados de ambos concello e, así, favorecer a súa inserción no mercado laboral.