Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Un técnico da empresa pública, ao que acompañou o alcalde, participou onte en tres reunións en Setecoros, Pontevalga e no Auditorio

- Notificarase aos titulares das fincas para que xestionen a biomasa e, en caso de incumprimento, imporanse as sancións que establece a lexislación

 IMG 20240919 WA0004

Valga, 20 de setembro de 2024.

O local social de Setecoros, a Casa da Cultura de Valga e o Auditorio Municipal foron os lugares nos que onte se celebraron as reunións informativas sobre a limpeza e xestión da biomasa nas redes de faixas secundarias, nas que participaron representantes do Concello e da empresa pública Seaga. Por parte da administración municipal asistiron o alcalde, José María Bello Maneiro, e varios concelleiros do equipo de goberno. En representación de Seaga estivo a o técnico provincial, Juan Vidán.

Nestas xuntanzas informouse aos asistentes de que persoal de Seaga vai proceder a inspeccionar o estado das fincas situadas nas faixas secundarias, que abarcan 50 metros arredor dos núcleos rurais, para comprobar o cumprimento da Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia. Os propietarios das parcelas que se atopen sen limpar recibirán unha notificación recordándolles o seu deber de xestionar a biomasa vexetal e retirar as especies arbóreas non permitidas. Nesa notificación daraselles un prazo para executar a limpeza –que xa tiñan que ter realizado antes do 31 de maio– , coa advertencia de que calquera incumprimento será sancionado conforme á lexislación vixente.

No caso daquelas parcelas situadas dentro do núcleo e máis próximas ás vivendas, que son competencia municipal, o Concello procederá de xeito similar, podendo chegar incluso a executar de forma subsidiaria a limpeza e corta de árbores nos terreos nos que se estea incumprindo a lei contra incendios.

Nas reunións tamén se aclararon e resolveron todas as dúbidas plantexadas polos veciños asistentes.

IMG 20240919 WA0015 IMG 20240919 WA0012

Volver