- O vello teito atopábase moi deteriorado polas inclemencias meteorolóxicas e parte del derrubárase
- Máis de 125.100 peregrinos pasaron por Valga percorrendo o Camiño Portugués no que vai de ano
Valga, 11 de setembro de 2024.
Os numerosos peregrinos que realizan o Camiño Portugués a Santiago xa poden facer uso de novo da área de descanso existente no lugar de Chenlo (San Miguel). Esta infraestrutura, que permite aos peregrinos facer unha parada na súa camiñada e protexerse do sol ou da chuvia, atopábase deteriorada, especialmente no que se refire á cuberta, debido principalmente ás inclemencias meteorolóxicas.
Parte do teito de madeira viñérase abaixo recentemente, polo que o Concello acometeu nas últimas xornadas obras de reparación co obxectivo de que a marquesina, que tamén conta con bancos, volvera a estar completamente operativa e prestando o debido servizo aos peregrinos.
O carpinteiro municipal, xunto cos aprendices da especialidade de carpintería do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia VII, encargáronse de executar os traballos de reparación, que consistiron na retirada da madeira deteriorada e na construción dunha nova cuberta, tamén de madeira de pino tratada en autoclave. Tamén se cambiaron algúns dos apoios principais.
O goberno local segue, deste xeito, traballando para ofrecer aos camiñantes unha ruta nas mellores condicións posibles e facerlles máis levadeira súa peregrinación. Hai que ter en conta que o Camiño Portugués é a segunda ruta xacobea máis transitada de Galicia e, como tal, o principal recurso turístico co que conta Valga. Así o avalan os últimos datos que fixo públicos a Xunta de Galicia, que indican que o Camiño Portugués e a súa variante pola Costa xa superaron no que vai de ano as 125.100 Compostelas recollidas.