Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A representante autonómica estivo acompañada polos tenentes de alcalde Román Castro e Carmen Gómez e o concelleiro Pedro Calvo


- O convenio que asinarán ambas administracións foi aprobado esta semana polo Consello da Xunta

ConselleiraMinaPP1

Valga, 8 de setembro de 2024.
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, estivo esta mañá en Valga para percorrer a lagoa Porto Piñeiro, na que o departamento que dirixe e o Concello investirán próximamente 366.200 euros. O convenio de colaboración que asinarán ambas administracións foi aprobado esta semana polo Consello da Xunta e permitirá dotar á antiga mina de arxila dun peche de protección que reforce a seguridade dos usuarios. Executarase con varandas de madeira e talanqueiras acordes á morfoloxía do terreo e que non representen un impacto visual negativo na zona.

Na súa visita, a conselleira estivo acompañada polos tenentes de alcalde Román Castro e Carmen Gómez e o concelleiro Pedro Calvo. Tamén estivo en Valga o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández. Visitaron a zona da lagoa, que abranque unha lámina de auga de 5’32 hectáreas, e que xurdiu froito da actividade extractiva da desaparecida empresa Novo y Sierra. Tralo abandono da actividade mineira, as augas subterráneas e pluviais acumuláronse ata asolagar completamente o grande baleiro xerado.

Agora, o Concello pretende levar a cabo un proceso de renaturalización similar ao da lagoa Mina Miercedes, incoporando a lámina de auga e as ribeiras coma espazo público para o desfrute da veciñanza e convertendo o conxunto das lagoas de Valga nun referente de revalorización do patrimonio mineiro e dunha nova relación coa contorna e co medio natural.

María Jesús Lorenzana considera “unha moi boa idea” a “intención do Concello de humanizar este espazo” e cre que o convenio que vai asinarse será importante para que “todos os valgueses poidan desfrutar desta zona de lecer con seguridade”. Explicou que a administración local aportará case 70.000 euros ás obras de valado e o resto dos fondos procederán da Consellería de Industria. “O Concello de Valga está en sintonía coa Xunta no que se refire á valorización da minería, non só en canto á explotación das minas senón tamén no referido á recuperación dos espazos nos que estas se atopan para que poidan ser utilizados polos cidadáns”, manifestou Lorenzana.

O tenente de alcalde, Román Castro, agradeceu á aportación da Xunta para poder completar o peche do perímetro da lagoa, un total de 1.240 metros dos que actualmente só contan con valado uns 300. “Os fondos que imos recibir da Consellería son moi importantes para que o Concello poida continuar co desenvolvemento do proxecto de rexeneración deste lugar precioso para que todos os nosos veciños poidan gozar del”.

Este proxecto, valorado en máis de 14 millóns de euros, contempla actuacións coma o acondicionamento dunha zona de baño ao aire libre con praia artificial e unha piscina; unha área de usos recreativos e de ocio, con xogos de area e auga, unha zona deportiva e equipamento ciclista. Tamén está prevista unha cávea natural no bordo da lagoa cun escenario flotante, e unha zona de aloxamento con cabanas tanto en terra coma aéreas.

En 2023 executouse a primeira fase na zona sur da lagoa, onde se habilitaron os primeiros tramos de sendas ciclables e peonís, instalouse mobiliario urbano, creouse un parque infantil e plantáronse árbores froiteiras e outras especies autóctonas.

Ademais, o Concello dispón xa de 1’2 millóns de euros para investir nesta zona, dos que 600.000 euros serán aportados pola Deputación de Pontevedra a través do programa Pon2030 e a outra metade financiarase con fondos europeos Next Generation, xestionados pola agrupación Mar de Santiago.

ConselleiraMinaPP2 ConselleiraMinaPP3

Volver