Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A empresa adxudicataria está a executar os recheos sobre os que se asentará o paso superior

- Nesta actuación, que tamén inclúe a ampliación das estradas paralelas á vía do tren, invístense case catro millóns de euros

ObrasADIF1

Valga, 5 de setembro de 2024.

As obras que o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) executa na contorna da vía do tren para eliminar dous pasos a nivel empezan a cobrar forma. A segunda tenente de alcalde, Carmen Gómez, e o concelleiro Pedro Calvo visitaron a zona, na que a empresa adxudicataria está a realizar movementos de terras e os recheos sobre os que se asentará a ponte que substituirá ao paso a nivel de Castiñeiras.

A construción deste paso elevado é unha das principais actuacións a executar. A nova ponte permitirá cruzar as vías con seguridade e garantirá a conexión entre ambas marxes e a accesibilidade para os propietarios de terreos e veciños en xeral. Terá un gálibo vertical de 7 metros, conformado por tres vans, dous carrís de 3 metros de ancho e beiravías exteriores de 0’50 metros. Adosadas a estas, senllas bandas de 1’80 metros nas que se instalarán un muro de protección, as beirarrúas, unha varanda e valla antivandálica.

Ademais, como parte do mesmo proxecto, darase continuidade aos camiños de enlace paralelos á vía ferroviaria entre los lugares de Laxes e Carracido e dende a praia fluvial de Vilarello ata Vilar. A lonxitude total será de 1’7 quilómetros.

O investimento total aproxímase aos catro millóns, dos que o Concello aporta máis de 219.000 euros.

 ObrasADIF3ObrasADIF2 

Volver