Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- As escolas de Vilarello e Forno desdóbranse en dúas unidades, o que conleva tamén un aumento de profesorado

- O Concello está a executar obras de mellora no piso e no illamento de cara ao inicio do curso

ObrasCRAValga1

Valga, 4 de setembro de 2024.
O Centro Rural Agrupado (CRA) prepárase para o inicio do curso con grandes novas, como a apertura de dúas novas unidades nas escolas de Vilarello e do Forno. Esta medida, aprobada pola Consellería de Educación, ven motivada polo progresivo aumento do alumnado durante os últimos anos, chegando neste curso a un total de 90, repartidos entre os seis colexios rurais que forman parte do CRA: Xanza, Chenlo, Ferreirós e Campaña, ademais das xa mencionadas de Vilarello e Forno.

“Fainos moita ilusión contar con estas novas aulas, pasando de seis a oito. Creo que debemos ser un caso único”, sinala a directora do CRA, Antía Piñeiro. No Forno, engade, “nunca houbo tantos alumnos coma agora (22), volve ser a escola con máis alumnado e recupera as dúas aulas, que non tiña dende hai moitos anos”. En canto a Vilarello, “é a primeira vez na historia do CRA que consegue este fito”.

O aumento das unidades leva parello, tamén, o incremento do profesorado coa incorporación de dúas novas mestras. E, ademais, créase a Xefatura de Estudos, que asumirá Marta Pérez (profesora de Chenlo) e que completará o equipo directivo xunto coa directora e a secretaria, Samai Rosales.

A boa saúde das escolas rurais valguesas refléxase tanto no número coma na procedencia das familias que as elixen, posto que ven na súa metodoloxía e nas súas instalacións unha garantía para a educación dos seus fillos. Alumnado de Santiago, Catoira, Padrón, Meis, Cuntis, Caldas de Reis, Rianxo, Pontecesures ou Rois, entre outros concellos, convivirán no CRA. “E moitas destas familias están a empadroarse en Valga”, destaca Antía Piñeiro, leda de que a sona acadada polo centro contribúa a fixar poboación no municipio.

Obras de mellora en diferentes escolas
De cara á vindeira semana, cando se abrirán as portas das aulas, o Concello está a executar obras de mellora e posta a punto en varios destes colexios rurais. En Vilarello estase a cambiar o piso de toda a escola. O anterior estaba danado pola polilla e agora estase a colocar unha nova tarima de material resistente a estes insectos.

Ademais, no Forno estase a colocar un novo sistema illante nas dúas aulas, para evitar que se vexan afectadas por humidades.

ObrasCRAValga2            ObrasCRAValga3

ProfesCRA

 

 

Volver