Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Na súa mellora investiranase 333.500 euros do Plan + Provincia da Deputación

- Tamén se estableceron os festivos locais para o ano 2025: o 3 de febreiro e o 24 de xullo

PlenoSetembro24 1

Valga, 3 de setembro de 2024.

A Corporación municipal reuniuse onte nun pleno extraordinario no que se aprobaron de acondicionamento de tres vías municipais nos lugares de Pontevalga, O Pino e A Medela. En total investiranse 333.491’43 euros do Plan + Provincia da Deputación provincial.

No Pino está previsto ampliar a estrada que discorre en paralelo ao trazado do Camiño Portugués. Ensancharase a calzada para o paso de vehículos e pavimentarase con aglomerado en quente. Ademais, completarase o tramo de senda que quedara pendente de executar para, así, garantir a seguridade do gran número de peregrinos que camiñan a diario por esta zona.

No lugar da Medela, actuarase nun tramo duns 300 metros dunha vía municipal, co obxectivo de acadar un ancho mínimo de seis metros en todo o seu trazado. Ademais do aglomerado, tamén está recollida no proxecto a reposición de peches e muros afectados e a instalación de canalizacións para abastecemento, saneamento e electricidade.

O terceiro proxecto aprobado onte foi a apertura dunha nova vía que comunique a rúa Doutor de Oya Salgueiro, en Pontevalga, coa estrada do Carballiño. Deste xeito, os vehículos procedentes deste lugar terán conexión directa coa estrada N-550. Na actualidade este traxecto só pode realizarse a pé, dende que a mediados de 2023 entrara en servizo a senda peonil construída na zona.

Estes puntos aprobáronse cos votos a favor do grupo de goberno e abstención de PSOE e BNG.

A orde do día completouse co establecemento dos festivos locais para o ano 2025. Por unanimidade quedaron fixados o 3 de febreiro, festividade de San Brais, e o 24 de Xullo, Santa Cristina.

PlenoSetembro24 2

Volver