- O acordo foi aprobado esta mañá no Consello da Xunta
- Ademais, están pendentes de investir na zona 1’2 millons de euros financiados pola Deputación e con fondos Next Generation
Valga, 2 de setembro de 2024.
O Concello de Valga e a Consellería de Economía e Industria selaron un acordo para o investimento de 366.200 euros na lagoa Porto Piñeiro. Este convenio foi autorizado esta mañá polo Consello da Xunta e permitirá dotar á antiga mina de extracción de arxila, situada entre os lugares de A Torre (Campaña), Carballiño (Xanza) e O Forno (Cordeiro), dun peche de protección que reforce a seguridade das persoas usuarios. Estas varandas perimetrais serán acordes coa morfoloxía do terreo, sen que supoñan un impacto visual na paisaxe.
Deste xeito, Concello e Xunta colaboran na posta en valor de xeito sustentable deste antigo espazo mineiro para recuperar e renaturalizar os seus arredores para uso e desfrute da cidadanía e, ao mesmo, tempo revalorizar a importancia do patrimonio mineiro de Galicia, conxugando a conservación patrimonial e a calidade paisaxística co desenvolvemento sustentable.
O Concello deseñou un proxecto de recuperación de Porto Piñeiro valorado en máis de 14 millóns de euros, con actuacións coma o acondicionamento dunha zona de baño ao aire libre con praia artificial e unha piscina; unha área de usos recreativos e de ocio, con xogos de area e auga, unha zona deportiva e equipamento ciclista. Tamén está prevista unha cávea natural no bordo da lagoa cun escenario flotante, e unha zona de aloxamento con cabanas tanto en terra coma aéreas.
A primeira fase do acondicionamento deste espazo executouse a comezos do pasado ano cun investimento de máis de 500.000 euros que permitiron habilitar carrís para a circulación de vehículos ciclables e sendas para peóns. Instalouse tamén mobiliario urbano (papeleiras e bancos) nas zonas destinadas ao descanso. Outro dos elementos centrais da obra foi a creación dun parque infantil con equipamento e xogos de madeira destinados a nenos de 6 a 12 anos de idade.
No que respecta á restauración ambiental desta contorna, aplicáronse tratamentos silvícolas e realizáronse limpezas e rozas selectivas, habilitando novas zonas verdes destinadas ao ocio e ao esparexemento e levando a cabo unha revexetación con bidueiros, acivros, árbores froiteiras e outras especies autóctonas.
Ademais da aportación da Consellería de Industria aprobada hoxe no Consello da Xunta, o Concello conta xa con 1’2 millóns de euros pendentes de investir. Arredor de 600.000 euros serán aportados pola Deputación de Pontevedra a través do programa Pon2030 e a outra metade financiarase con fondos europeos Next Generation, xestionados pola agrupación Mar de Santiago.