Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Na categoría “Obra nova” os outros dous premios foron para Devesa e Laxes

- No apartado de “Mantemento” tamén foron galardoados Vilarello e Beiro

GañadoresEmbelecer24

Valga, 2 de setembro de 2024.

Os lugares de Balleas e Campaña foron proclamados coma os máis fermosos do noso concello no concurso Embelecer Valga, que nesta edición estableceu dúas categorías: obra nova e mantemento.

A comisión veciñal de Balleas recuperou un antigo lavadoiro e a súa contorna, un espazo que se atopaba completamente degradado, o que poñía en risco a conservación do ben patrimonial. A actuación incluíu a limpeza e posta en valor do lavadoiro e a creación dunha zona axardinada. O premio que lles corresponde é de 300 euros.

Nesta categoría, o segundo lugar (200 euros) foi para a aldea da Devesa, en Campaña, onde se recuperou o parque infantil. Esta área de xogos atopábase inutilizada e en moi malas condicións. Os seus xogos foron recuperados, instalouse unha pérgola e un peche perimetral e leváronse a cabo outras actuacións de embelecemento como o pintado dun muro con personaxes infantís.

O terceiro clasificado (100 euros) foi Laxes, polos traballos de recuperación da área de lecer “Pozo da Lameira, que inclúe un parque infantil con xogos para os cativos, un lavadoiro e zona de descanso con mesas e parrilla.

Tamén concorreron a esta modalidade os lugares de A Medela, Cerneira e o colexio Baño-Xanza, que recibiron unha gratificación de 100 euros pola súa participación.

No referido á categoría de “Mantemento”, o parque infantil e campo da festa de Campaña foi o lugar máis valorado polo xurado, que lle outorgou os 500 euros do primeiro premio. En segundo lugar (300 euros) clasificouse Vilarello, onde os veciños realizaron actuacións de conservación no lavadoiro, no parque, na marquesiña e na casa veciñal. O terceiro posto (200 euros) recaeu en Beiro, polos traballos de mantemento do lavadoiro, parque a Agro de Arriba.

Os lugares de A Medela, Avenida da Coruña, Balleas, Barcia, Barro, Canle, Carballiño, Cimadevila, CODI, Colexio Ferro Couselo, CRA de Valga, Eiras, Eirexe (Campaña), Ferreirós, Gándara, Miradoiro da Perdiz, Pontevalga, Raxoi, San Miguel e Vilar tamén participaron nesta categoría e todos recibirán 100 euros.

1Nova Balleas 1Mantemento Campaña

Volver