- Esta mañá visitaron o Museo, as fervenzas e a Mina Mercedes e pola tarde tivo lugar unha recepción oficinal na Casa do Concello
- Mañá teñen previsto realizar en catamarán a ruta Mar de Santiago e participar, despois, nas actividades festivas
Valga, 30 de agosto de 2024.
Valga recibe durante estas xornadas, con motivo da celebración da XXXIV Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, a visita de delegacións dos tres concellos cos que mantén relación de irmandamento e amizade dende hai anos: Prat de Comte (Tarragona), Valga (Estonia) e Valka (Letonia).
Coa localidade catalá, Valga estreitou lazos a comezos dos anos 2000, cando se celebrou alí a primeira edición da Festa da Augardente. Daquela, un grupo de veciños e representantes valgueses, do que formaban parte varios cañeiros, desprazáronse a Prat de Comte por vez primeira para explicarlles aos produtores como se destila a augardente en Valga. O sistema local foi ‘adoptado’ polos veciños da localidade e é o que agora empregan para destilar o seu licor. En representación desta pequena vila, están dende hoxe en Valga o alcalde, Miquel Trilla, a tenente de alcalde, Montse Viña, e o concelleiro Pepe Solanes.
De Valga (Estonia) están de visita no noso concello a alcaldesa, Monika Rogenbaum, á que acompañan Maarja Mägi e Tõnu Vahtra, tenente de alcalde e técnico de Deportes e Xuventude, respectivamente. E dende Valka (Letonia) chegou o ex alcalde Vents Armands Krauklis. Con estas dúas localidades asinouse un convenio de irmandamento entre 2017 e 2018, co obxectivo de promover actividades de carácter cultural e educativo, entre outras.
Esta tarde terá lugar na Casa do Concello unha recepción oficial aos visitantes, que durante toda a xornada de hoxe realizaron un percorrido por diferentes espazos e infraestruturas de Valga. Pola mañá estiveron no Museo da Historia, na radio municipal e no Edificio de Usos Administrativos, nas fervenzas e nas lagoas Mina Mercedes e Porto Piñeiro. Pola tarde tivo lugar unha recepción oficial na Casa do Concello e mañá teñen previsto realizar en catamarán a ruta marítimo-fluvial Mar de Santiago entre Vilanova e Valga. A partir das sete da tarde participarán nos actos da XXXIV Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.
O alcalde local, José María Bello Maneiro, amósase “encantado” da visita dos representantes destas tres localidades “para acompañarnos na nosa celebración máis importante”. De Prat de Comte sinala que, “aínda que é unha vila pequena, está moi ben conservada” e das Valgas de Estonia e Letonia destacan “a cooperación que teñen entre elas e que se ve reflexada no lema ‘Un pobo, dous país”. O Bello Maneiro expresou o seu desexo de que esta frase poida pronto evolucionar a “Un pobo, tres países”, incluíndo tamén a Valga española.
Os rexedores das súas localidades bálticas definiron a Valga como “un pobo moi acolledor, con xente moi amigable e aberta” e que con eventos coma a Festa da Anguía e da Caña “coida e conserva as súas tradicións, que son un valor engadido para a cultura dun pobo”.
Para o alcalde de Prat de Comte esta é a súa primeira estadía en Valga, pero lembrou os inicios da relación entre os dous concellos “fai uns 23 anos, cando viñeron botarnos unha man para poder organizar a nosa primeira Festa da Augardente”.