Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Álex Iglesias versionou catro coñecidos combinados, introducindo distintas variedades de augardente

- O xoves e o venres celébrase o Concurso da Caña do País e o sábado será o día grande da festa

Cocteis24 1

Valga, 28 de agosto de 2024.
As actividades da cuarta edición do “Agosto Gastronómico” pecháronse onte cunha sesión de coctelería a cargo de Álex Iglesias na que a gran protagonista foi a caña do país nas súas tres variedades máis tradicionais: tostada, de herbas e branca, esta última tanto pura coma en queimada.

Arredor de trinta persoas, entre elas o alcalde, José María Bello Maneiro, asistiron ao showcooking, no que se prepararon e degustaron catro bebidas diferentes, inspiradas en cócteis moi coñecidos que foron versionados por Álex Iglesias introducindo a augardente como principal ingrediente alcólico. Comezando por dous aperitivos: un mojito e unha caipiriña. Na elaboración do primeiro, o cocteleiro empregou azucre, lima, menta, soda e caña tostada, que imprimiu un toque afumado á bebida. Na versión valguesa da caipiriña brasileira substituíu a cachaça por caña de herbas.

Outro dos combinados que se serviu foi o chamado Caña Sunrise –un trago inspirado no Tequila Sunrise mexicano–, con zume de laranxa natural e queimada de caña branca, coa que se conseguiu potenciar o sabor afroitado. O toque final foi un chisco de granadina.

Para pechar a velada, Álex Iglesias preparou un daikiri de fresa con caña branca, a modo de postre.

O “Agosto Gastronómico” dá paso nos vindeiros días ás actividades centrais da XXXIV Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. O xoves e o venres celébrase no Centro de Interpretación da Caña do País o Concurso tradicional da caña do país. O sábado será o día grande dos festexos, con entrega de premios, pregón, degustación de tapas de anguía e cócteis de caña, queimada popular e actuacións das orquestras Marbella e Olympus. Ademais, esta fin de semana continúa a XI Ruta “Tapa a anguía” en sete establecementos de hostalería de Valga.

Cocteis24 2 Cocteis24 3

Volver