- A sesión, que terá lugar o 11 de setembro, diríxese a rapaces de 12 a 18 anos, que xa poden inscribirse
- Realizarán traballos de modelado en 3D, robótica e realidade virtual
Valga, 27 de agosto de 2024.
A Aula CeMIT de Valga acollerá un novo obradoiro de contido tecnolóxico dirixido á mocidade. A actividade denomínase Tech Kids e terá lugar o vindeiro 11 de setembro pola tarde, en horario de 16:00 a 20:00 horas. A inscrición para rapaces de 12 a 18 anos está aberta (no Auditorio Municipal ou a través da Rede CeMIT) ata completar as doce prazas dispoñibles.
Tech Kids é un programa organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería en Informática, para fomentar as vocacións tecnolóxicas entre a rapazada. Este ano a iniciativa desenvólvese baixo o lema "Argallando entre xeracións”, buscando a colaboración interxeracional na resolución de diferentes retos tecnolóxicos.
A sesión formativa do día 11 de setembro terá un carácter práctico. Os participantes realizarán traballos de deseño e modelado en 3D, construción e programación dun robot e vivirán experiencias inmersivas en realidade virtual.
Por último, desenvolverán un reto científico-tecnolóxico en equipo.