Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Así llo confirmou o conselleiro de Emprego aos alcaldes de Valga e e Moraña nunha xuntanza

- Tamén abordaron outras formas de colaboración coma o Programa Aprol Rural, para a loita contra incendios

ReuniónConselleiroEmprego1

Valga, 26 de agosto de 2024.

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración subvencionará a posta en marcha de dous novos obradoiros de emprego que Valga compartirá cos concellos de Moraña e Portas e nos que se poderán formar un total de trinta e seis persoas. Así llo confirmou o conselleiro, José González, aos alcaldes de Valga e Moraña, José María Bello Maneiro e José Luis Gómez, nunha recente xuntanza, na que tamén participaron o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, e a concelleira delegada de Emprego e Formación do Concello, Carmen Gómez.

Os obradoiros de emprego que subvencionará a Xunta serán as novas edicións dos proxectos Ulla-Umia e Xóvenes, nos que os concellos de Valga e Moraña xa veñen colaborando dende hai anos e aos que agora se suma tamén Portas. o Obradoiro dual Ulla-Umia recibirá unha aportación económica de 412.000 euros para formar a unha vintena de persoas desempregadas nas especialidades de Conservación e mellora de montes, repoboacións forestais e tratamentos sílvicolas e Carpintería e moble.

No referido ao obradoiro Xóvenes, para menores de 30 anos inscritos no Sistema nacional de Garantía Xuvenil, a subvención acadará os 439.000 euros. Contará con dezaseis participantes que se formarán en módulos de forestais e albanelería.

Ademais, no encontro entre os rexedores e os responsables da Consellería, tratáronse outras vías de colaboración para avanzar na xeración de emprego, como o programa Aprol Rural, que permitiu a contratación este ano a tres persoas en cada un dos dous concellos para realizar traballos relacionados coa prevención de incendios forestais, limpeza de montes e xestión da biomasa.

A maiores, cómpre engadir, outros programas de apoio coma o orientador laboral do Concello que, subvencionado tamén pola Xunta, traballa para incrementar as oportunidades profesionais das persoas desempregadas.

ReuniónConselleiroEmprego2

Volver