- Os participantes visitarán a ponte de Souto, o Mercado dos Mouros e a praia de Vilarello
- O percorrido, de dez quilómetros de lonxitude, é de dificultade media-baixa
Valga, 10 de maio de 2018.
O Concello de Valga participa un ano máis no programa “Goza do Ulla”, co que se quere poñer en valor e promocionar o valioso patrimonio natural e cultural dos territorios bañados polas augas deste río ao longo dos seus 130 quilómetros dende o nacemento en Antas de Ulla ata a desembocadura en Vilagarcía de Arousa.
O programa coas rutas de sendeirismo propostas polos vinte concellos participantes foi presentado esta mañá en Vilagarcía, nun acto ao que asistiu en representación de Valga a concelleira Begoña Piñeiro.
“O val do Ulla”, de dez quilómetros de lonxitude e dificultade media-baixa, é a ruta deseñada para que este ano valgueses e visitantes volvan a gozar do río e do patrimonio vencellado a el. Percorrerase o día 8 de setembro con saída das instalacións do Belén Artesanal. Os sendeiristas visitarán o lugar de Souto, onde se conserva unha singular ponte de pedra de orixe medieval sobre o río Valga. Chegarán despois á igrexa románica de Campaña, con campanario exento, que alberga unha reliquia de Santa Cristina e valiosas pinturas murais do século XVI.
Seguindo pola ribeira do Ulla, os camiñantes adentraranse no Mercado dos Mouros, un xacemento romano a través do que se poden chegar a coñecer os costumes, usos e aproveitamentos dos galaicos que alí viviron entre o século I a.C. e o IV d.C. Os restos aparecidos durante as escavacións arqueolóxicas revelan que era un lugar moi vencellado ao comercio. Con todo, a peculiaridade do lugar ten más que ver coa súa localización, no que antano foi un pequeno illote no río Ulla.
A seguinte parada da ruta terá como escenario a praia fluvial de Vilarello, onde os participantes farán un pequeno descanso antes de achegarse á igrexa de Santa Comba de Cordeiro. No seu cemiterio está enterrado un dos valgueses máis ilustres, o investigador e ensaísta Xesús Ignacio Ferro Couselo, Fillo Predilecto de Valga a quen se dedicou o Día das Letras Galegas no ano 1996.
Alí tamén descansan os restos doutro veciño ilustre do municipio, intelectual e gran defensor do galego: o Pai Isorna. Foi membro correspondente da Real Academia Galega e publicou numerosos textos relacionados coa espiritualidade e tamén con Galicia. Asi mesmo, exerceu durante décadas como delegado diocesano de Medios de Comunicación Social do Arcebispado de Santiago.