- Tapas gratuítas poden degustarse esta fin de semana e a vindeira no Auditorio, Couceiro, O Pontellón, Potel, Maneiro, Caprichos, e Palmera Beach
- Entre as persoas que voten polo mellor petisco sortearanse dez vales de compra de 30 euros
Valga, 24 de agosto de 2024.
A Ruta-Concurso “Tapa a Anguía” inaugurou hoxe a súa undécima edición con sete establecementos de hostalería participantes. Neles sérvense, durante dúas fins de semana consecutivas, tapas de anguía gratuítas coas consumicións no seguinte horario: os sábados de 12:00 a 15:00 e de 20:00 a 23:00 e os domingos de 12:00 a 15:00.
Os locais e os seus respectivos petiscos son os seguintes:
- Palmera Beach Valga - Anguía ao forno "Estilo da casa": Fondo de arroz con anguía ao forno e salsa de allo, pementa, laurel, almendra picada e piñóns.
- Pastelería Caprichos - Volován de anguía ao "All i prebe": Volován recheo con sofrito de allo, pimentón, pataca e anguía.
- Bar Maneiro - Anguimaneiro: Empanada de anguía con mexillóns no seu segredo e pementos.
- Bar Potel - Petisco de anguía: Anguía frita con salsa e allo negro, con base de pemento.
- Café- Bar O Pontellón - Do río ao prato, pasando pola leira: Crema de grelos con anguía rebozada en panko sobre pan negro con toque picante.
- Café-Bar Couceiro - Anguía ao mar: Anguía en salsa de vieira con produtos do mar, servida en concha de vieira.
- Cafetería Auditorio - Muiñeira de anguía: Anguía con fabas e ameixas.
Durante esta primeira fin de semana celebrarase a parte de concurso, na que se pode votar pola mellor tapa e entrar no sorteo de 10 vales de 30 euros cada un para gastar no comercio local. Para iso hai que reunir os selos dos diferentes establecementos e depositar as papeletas nas urnas habilitadas en cada un deles. Con estes votos outorgaranse tres premios a outros tantos locais: os Mandís de Ouro, Prata e Bronce.
Ademais, haberá un xurado profesional que outorgará un único premio. A que elixan como mellor tapa da ruta poderá degustarse na Festa da Anguía de 2025.