- O vindeiro martes pecharase o “Agosto Gastronómico” cunha demostración de coctelería con caña do país
- O cociñeiro Álex Iglesias será tamén o encargado de preparar catro das cinco tapas que poderán degustarse o día 31 na Festa da Anguía e Mostra da Caña do País
Valga, 21 de agosto de 2024.
“Universo Anguía”, o penúltimo showcooking do “Agosto Gastronómico”, ofreceu onte un percorrido internacional no que os asistentes puideron comprobar como pode introducirse este peixe en pratos típicos de cociñas coma a asiática, a árabe ou a italiana.
Dous dos catro pratos que preparou o chef lalinense Álex Iglesias tiveron a particularidade de incluír anguía afumada, “que non é moi habitual en Galicia, pero que sen embargo é moi cotizada e tradicional en Italia, nos países do leste e nos asiáticos”, explicou. O propio cociñeiro encargouse de afumar o peixe no seu fumeiro, onde as anguías, desespiñadas e abertas, permaneceron durante catro días.
O resultado puido degustarse onte en forma de makis. Estes rolos de alga nori presentáronse recheos de arroz, anguía afumada e tamén con cenoria e aguacate. Outro exemplo da utilización da técnica do afumado foron os ñoquis, un tipo de pasta italiana feita con pataca e queixo e despois salteada con touciño e anguía afumada para crear unha salsa carbonara coa que dar sabor e textura ao prato.
A terceira elaboración internacional foi unha ensalada de cuscús cun sofrito de verduras, cilantro e anguía. E, para pechar a velada gastronómica, os comensais degustaron unha anguía en tempura con verduriñas, unha forma diferente de facer un rebozado que dea textura crocante aos alimentos.
Esta foi a última receita de Álex Iglesias no marco deste “Agosto Gastronómico”. O cociñeiro do restaurante Dúas Liñas, de Arzúa, será tamén o encargado de degustar catro das tapas que poderán degustarse o vindeiro 31 de agosto no Parque Irmáns Dios Mosquera, no día grande da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. A quinta será a tosta de anguía sobre rulo de cabra con salsa de pemento morrón e pistachos coa que o Bar Pontellón gañou o ano pasado a ruta “Tapa a Anguía”.
Pero antes aínda queda pendente a última actividade do “Agosto Gastronómico”, unha demostración de coctelería con caña do país que terá lugar o vindeiro día 27 e para a que están cubertas todas as prazas.