- Instalarase unha bomba de calor aerotérmica e a actual cuberta de chapa substituirase por panel sándwich
- Nestas actuacións realizarase un investimento de case 60.000 euros.
Valga, 19 de agosto de 2024.
O pavillón polideportivo municipal de Baño, unha das principais infraestruturas destinadas á práctica de actividade deportiva coas que conta o Concello, será obxecto proximamente de obras de mellora que afectarán ao sistema de climatización e a parte da cuberta.
O proxecto acaba de saír a licitación por un importe total de 59.987’46 euros do Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia e as empresas poden presentar ofertas ata o día 29 de agosto.
A actuación que se levará a cabo afecta, por unha parte, ao sistema de climatización, substituíndo os termos acumuladores actuais, que resultan insuficientes, por unha bomba de calor aerotérmica para calefacción e auga quente sanitaria. Este sistema é máis sustentable e adáptase mellor ás dimensións e ao uso que se fai das instalacións. Hai que ter en conta que o pavillón de Baño conta cunha superficie aproximada de 1.500 metros cadrados, repartidos entre a pista polideportiva, os vestiarios, os aseos e as gradas e que é empregado para a realización de actividades por centros educativos, clubs e outros colectivos valgueses que así o solicitan.
Por outra parte, proxéctase unha actuación na cuberta da zona destinada aos vestiarios, que actualmente é de chapa e deixa pasar auga, xerando un deterioro nas instalacións. Colocarase unha nova a base de panel sándwich.