Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os bares inscritos son Caprichos, Maneiro, Potel, Couceiro, Auditorio, Palmera Beach e Pontellón

- Os petiscos poderán degustarse gratis coas consumicións os días 24, 25 e 31 de agosto e 1 de setembro

Tapas24Web

Valga, 15 de agosto de 2023.

A Ruta-Concurso “Tapa a Anguía”, que o Concello convoca anualmente dentro da programación da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, contará con sete establecementos participantes na súa undécima edición: Pastelería Caprichos, Bar Maneiro, Bar Potel, Café-Bar Couceiro, Cafetería Auditorio, Palmera Beach Valga e O Pontellón Café-Bar.

A actividade gastronómica trata de promocionar un dos produtos estrela da festa, a anguía, e incentivar o consumo nos locais de hostalería do municipio. O Concello será o encargado de facerlles chegar o peixe xa limpo para que poidan preparar as tapas.

As tapas que se ofrecerán nos locais participante son:

  • Palmera Beach Valga - Anguía ao forno "Estilo da casa": Fondo de arroz con anguía ao forno e salsa de allo, pementa, laurel, almendra picada e piñóns.
  • Pastelería Caprichos - Volován de anguía ao "All i prebe": Volován recheo con sofrito de allo, pimentón, pataca e anguía.
  • Bar Maneiro - Anguimaneiro: Empanada de anguía con mexillóns no seu segredo e pementos.
  • Bar Potel - Petisco de anguía: Anguía frita con salsa e allo negro, con base de pemento.
  • Café- Bar O Pontellón - Do río ao prato, pasando pola leira: Crema de grelos con anguía rebozada en panko sobre pan negro con toque picante.
  • Café-Bar Couceiro - Anguía ao mar: Anguía en salsa de vieira con produtos do mar, servida en concha de vieira.
  • Cafetería Auditorio - Muiñeira de anguía: Anguía con fabas e ameixas.

A ruta prolongarase durante as dúas últimas fins de semana do mes de agosto. O apartado de concurso celebrarase unicamente os días 24 e 25, mentres que na seguinte fin de semana (días 31 de agosto e 1 de setembro) tan só haberá degustación. Os petiscos serviranse de xeito gratuíto coas consumicións os sábados en horario de 12:00 a 15:00 e de 20:00 a 23:00 e os domingos de 12:00 a 15:00 horas.

O público decidirá cos seus votos cales son as mellores tapas e, polo tanto, os locais gañadores dos Mandís de Ouro, Prata e Bronce. Para participar na votación é preciso reunir os selos dos bares participantes despois de degustar as súas tapas e introducir a papeleta nas urnas habilitadas ao efecto. Entre todas as persoas que participen na elección das mellores tapas sortearanse dez vales de 30 euros cada un para gastar no comercio local.

Mantense, ademais, o xurado profesional, que será o encargado de elixir a tapa que se degustará na Festa da Anguía do vindeiro ano 2025.

CartelTapas24

 

Volver