Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O Concello pide aos usuarios que sexan respectuosos cos espazos públicos, para que poidan ser empregados con normalidade por veciños e visitantes

- Estanse a estudar medidas que permitan identificar e sancionar aos autores destas prácticas

BañosPIDM 1

Valga, 12 de agosto de 2024.

O Parque Irmáns Dios Mosquera é unha das zonas verdes e de lecer máis importantes do Concello e frecuentada por veciños e visitantes, especialmente agora, no verán, aproveitando as distintas zonas do parque para a práctica deportiva e actividades de esparexemento, para realizar comidas e merendas ou para xogar no parque infantil.

A maioría de usuarios compórtase de maneira cívica e respectando o espazo e as instalacións públicas, pero unha minoría están a demostrar, de forma reiterada, comportamentos impropios de persoas civilizadas e respectuosas co patrimonio de todos os valgueses, causando danos e desperfectos.

Esta situación afecta, especialmente, aos baños públicos que o Concello habilitou no parque. Nas últimas semanas e de forma repetitiva véñense detectando acción de mal uso destes aseos, chegando a cegar e atascar os inodoros cos rolos de papel hixiénico, manchando con feces as tazas e tapas dos WC e baleirando o contido das papeleiras polo chan.

O Concello pide aos usuarios do parque que respecten as instalacións e que as manteñan o máis limpas posibles por respecto ao resto de usuarios e veciños e tamén da persoa que se encarga de realizar a limpeza. Os autores destes actos reprobables deben saber que non só están a prexudicar ao Concello, que se ve obrigado a destinar máis recursos económicos e de persoal ao mantemento do parque e dos baños, senón que os prexudicados son tamén os propios usuarios, que non poden facer uso dos aseos cando os precisan.

É por iso que o goberno local está a analizar as medidas a adoptar para tratar de acabar con estes actos de incivismo. Entre elas estase a valorar a instalación de cámaras que permitan identificar ás persoas que causen danos nas instalacións públicas e castigalas coas sancións previstas nas ordenanzas.

      BañosPIDM 2        BañosPIDM 3

Volver