- Renovaranse o abastecemento e o alumeado, soterraránse as liñas aéreas de servizos e reconstruiranse as beirarrúas
- O proxecto, que acaba de saír a licitación, será cofinanciado entre Xunta, Deputación e Concello
Valga, 10 de agosto de 2024.
O Concello realizará un novo investimento na Avenida da Coruña (N-550) para completar a renovación de servizos na zona urbana, dando así continuidade á fase executada no ano 2023 e que supuxo a mellora do saneamento, abastecemento, recollida de pluviais, alumeado e beirarrúas na marxe esquerda da estrada nacional.
Agora, sácase a licitación unha segunda fase para actuar na marxe dereita, entre os puntos quilométricos 87’100 (á altura da ponte sobre o río Valga) e 86’500 (ao pasar o edificio Bella Valga). O proxecto conta cun orzamento de 464.248’50 euros, que serán cofinanciados entre Augas de Galicia, a Deputación e o Concello.
Con esta actuación preténdese resolver as deficiencias que presentan os actuais servizos, debido, entre outras circunstancias, á súa antigüidade.
Renovarase completamente a rede de recollida de augas pluviais e tamén a de abastecemento. Mellorarase a rede de iluminación pública coa instalación de novas lámpadas LED. Ademais, soterrarase o cableado das redes eléctrica e telefónica, actualmente formadas por liñas aéreas sobre postes que ocupan as beirarrúas e dificultan o paso nalgunhas zonas.
Está tamén prevista a demolición das actuais beirarrúas, que se atopan en mal estado e resultan inseguras, e a súa reconstrución con lousa hidráulica de formigón de características similares ás existentes. Tamén se mellorará á accesibilidade para persoas con mobilidade reducida.
O prazo para a presentación de ofertas por parte das empresas que queiran optar á adxudicación remata o día 22 de agosto.