- A valguesa Mª Esther Ordóñez, presidenta de Mel de Galicia e membro da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, será a pregoeira
- A ruta “Tapa a Anguía” contará coa participación dos bares Caprichos, Maneiro, Potel, Palmera Beach, Pontellón, Couceiro e Auditorio
Valga, 9 de agosto de 2024.
A Festa da Anguía e Mostra da Caña do País está ás portas dunha nova edición, a trixésimo cuarta, na que estes dous produtos tradicionais de Valga se converterán en protagonistas de actividades culturais, lúdicas e gastronómicas dirixidas tanto a veciños coma a visitantes chegados doutras localidades.
O día grande da festa, declarada de Interese Turístico de Galicia, terá lugar o sábado 31 de agosto, co Parque Irmáns Dios Mosquera como centro neurálxico das actividades festivas. Os asistentes poderán degustar 1.000 tapas de anguía en cinco receitas diferentes: catro elaboradas polo cociñeiro Álex Iglesias e a quinta cociñada polo bar O Pontellón, que foi o gañador do primeiro premio da última edición da ruta “Tapa a Anguía” cunha tosta de anguía con queixo de cabra.
Precisamente a ruta “Tapa a Anguía, que cumpre a súa undécima edición, será outra das alternativas para degustar este exquisito peixe. Participan os bares Caprichos, Potel, Maneiro, Palmera Beach, O Pontellón, Couceiro e Cafetería Auditorio, que servirán os petiscos de forma gratuíta coas consumicións os sábados 24 e 31 de agosto de 12:00 a 15:00 e de 20:00 a 23:00 horas e os domingos 25 de agosto e 1 de setembro de 12:00 a 15:00.
En canto á augardente, as persoas que se acheguen na noite do día 31 ao Parque Irmás Dios Mosquera poderán adquirir ata catro variedades de cócteis elaborados con caña branca, de herbas e tostada. Ademais, no Centro de Interpretación da Caña terá lugar a demostración de destilado tradicional da augardente a cargo de dous cañeiros de Valga, na que se farán dúas potadas de caña branca e de herbas e, a medianoite, haberá unha gran queimada popular gratuíta, con conxuro e espectáculo a cargo de Troula Animación.
Outro dos actos relevantes da xornada central será a entrega de premios dos concursos de fotografía e receitas do “Agosto Gastronómico”, o Concurso da Caña do País, Embelecer Valga, Concurso para elixir o cartel anunciador da festa, mellores tapas e gañadores dos vales de compra da Ruta “Tapa a Anguía”. O pregón da festa correrá a cargo da valguesa Mª Esther Ordóñez Dios, presidenta do Consello Regulador Mel de Galicia e membro da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia.
No apartado musical, está previsto un concerto da Banda Municipal de Valga e as actuacións das orquestras Marbella e Olympus.
PROGRAMA DE ACTIVIDADES
Martes, 13 de agosto:
- 21:00 horas: Showcooking “A caña no prato” a cargo do chef Álex Iglesias, no Centro de Interpretación da Caña do País. Inscrición previa imprescindible.
Martes, 20 de agosto:
- 21:00 horas: Showcooking “Universo anguía” a cargo do chef Álex Iglesias, no Centro de Interpretación da Caña do País. Inscrición previa imprescindible.
Xoves 22 e venres 23 de agosto:
- 20:00 horas: Concurso “Anguía Chef”, no Parque Irmáns Dios Mosquera.
Sábado, 24 de agosto:
- Pola mañá: Visita do xurado aos lugares participantes no concurso Embelecer Valga.
- De 12:00 a 15:00 horas e de 20:00 a 23:00 horas: XI Ruta-Concurso “Tapa a Anguía” coa participación dos establecementos Caprichos, Maneiro, Potel, Palmera Beach, Pontellón, Couceiro e Auditorio.
Domingo, 25 de agosto:
- De 12:00 a 15:00 horas: XI Ruta-Concurso “Tapa a Anguía” coa participación dos establecementos Caprichos, Maneiro, Potel, Palmera Beach, Pontellón, Couceiro e Auditorio.
Martes, 27 de agosto:
- 21:00 horas: Demostración de coctelería “Moito máis que caña” a cargo de Álex Iglesias, no Centro de Interpretación da Caña do País. Inscrición previa imprescindible.
Xoves, 29 de agosto:
- 20:00 horas: Precata do Concurso Tradicional da Caña do País, no Centro de Interpretación da Caña
- A continuación: sorteo dos vales de compra da Ruta “Tapa a Anguía”
Venres, 30 de agosto:
- 20:00 horas: Presentación da botella conmemorativa da XXXIV Mostra da Caña do País.
- 20:15 horas: Cata final do Concurso Tradicional da Caña do País, no Centro de Interpretación da Caña
Sábado, 31 de agosto:
- De 12:00 a 15:00 horas e de 20:00 a 23:00 horas. XI Ruta-Concurso “Tapa a Anguía coa participación dos establecementos Caprichos, Maneiro, Potel, Palmera Beach, Pontellón, Couceiro e Auditorio.
- 16:00 horas: Festa infanfil no Parque Irmáns Dios Mosquera
- 17:00 horas: Demostración de destilado de caña do país no Centro de Interpretación da Caña
- 19:00 horas: Recepción de Autoridades na Casa do Concello
- 20:00 horas: Pregón a cargo de Mª Esther Ordóñez Dios (presidenta do Consello Regulador Mel de Galicia e membro da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia)
- 20:30 horas: Entrega de premios aos gañadores dos concursos de fotografías e receitas “Valga. Anguía, caña e camiño”, concurso “Anguía Chef”, Concurso da Caña do País, Embelecer Valga, Concurso do cartel anunciador, tapas gañadoras da Ruta-Concurso Tapa a Anguía e vales de compra.
- 21:00 horas: Actuación da Banda de Música Municipal de Valga.
- 21:30 horas: Degustación de tapas de anguía e cócteis feitos con caña do país.
- 22:30 horas: Actuación da orquestra Marbella.
- 00:00 horas: Queimada popular con conxuro teatralizado a cargo de Troula Animación.
- 00:30 horas: Espectáculo de fogos e luces.
- Actuación das orquestras Olympus e Marbella
Domingo, 1 de setembro:
- De 12:00 a 15:00 horas: XI Ruta-Concurso “Tapa a Anguía” coa participación dos establecementos Caprichos, Maneiro, Potel, Palmera Beach, Pontellón, Couceiro e Auditorio.